Friday 22 de November de 2024

O Concello acreditará como fillo adoptivo de Miño ao párroco Manuel Domingo Castiñeira Picallo


• O goberno local levará o nomeamento a pleno para a súa aprobación, tras non presentarse alegacións ao expediente.

• O acto celebrarase o vindeiro sábado, 26 de novembro, ás 13 horas no salón de plenos.

O Concello acreditará como fillo adoptivo de Miño ao que foi o seu párroco durante os últimos 42 anos, Don Manuel Domingo Castiñeira. Farao nun acto público que terá lugar o vindeiro sábado, 26 de setembro, ás 13 horas no salón de plenos.

A próxima semana o goberno local levará o nomeamento a pleno para a súa aprobación, tras non presentarse alegacións ao expediente elaborado polo órgano colexiado designado pola corporación no mes de agosto para levar a cabo a valoración de méritos e que estivo exposto ao público desde o 19 de setembro ao 5 de outubro.

O clérigo, ordenado sacerdote no ano 1965, xubilouse das súas funcións eclesiásticas logo de máis de tres décadas exercendo como sacerdote en Santa María de Miño, outras parroquias do concello e outros municipios. O executivo miñense destaca na súa proposta o seu labor humano e dedicación pastoral plena ao pobo de Miño a través da fe e o ensino, sempre desde a xenerosidade e solidariedade cun carácter próximo..

Manuel Domingo Castiñeira é moi querido polos veciños e veciñas, e xa recibira unha homenaxe no ano 2015 con motivo das súas vodas de ouro sacerdotais e de prata como párroco de Miño, instalándose unha placa conmemorativa na fachada da Igrexa Parroquial de Santa María.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, sinala que se trata dun recoñecemento ‘xusto e ben merecido para un home que sempre tendeu a súa man á veciñanza de Miño’ e indican que ‘sempre terá un oco na historia do noso municipio’.