O stand do programa “Ti tes a chave” sae de novo á rúa para seguir fomentando entre a cidadanía a xestión sostible dos bío-residuos
As familias e os grandes produtores que participan no programa “Ti tes a chave” depositaron nos primeiros sete meses deste ano un total de 193.060 quilos de residuos orgánicos nos colectores de cor marrón que temos espallados por toda a zona urbana, o que supón unha media de 27.580 quilos ao mes.
Dende a posta en marcha do servizo de recollida selectiva, en xullo do ano 2020, dende Carballo enviamos á planta de compostaxe de Sogama un total de 686.660 quilos de bío-residuos. Unha vez tratada, esa materia orgánica regresa a Carballo en forma de compost como o que está a utilizar estes días a nosa brigada de xardíns para a posta a punto das zonas verdes.
Dende o Concello de Carballo queremos agradecer, unha vez máis, a colaboración das máis de 1.400 familias e das 125 empresas que xa están comprometidas coa xestión sostible dos residuos orgánicos, pero queremos seguir incrementando esas cifras. Por iso, este mes volveremos a sacar á rúa o stand do programa Ti tes a chave, no que poderás informarte, recoller a túa chave ou repoñer as bolsas compostables, se o precisas. E todo de balde!
Achégate ao posto que teremos instalado na rúa Coruña este xoves 17 e tamén os días 24 e 27, coincidindo coas últimas feiras deste mes. O horario de apertura será de 10.30 a 13.30.
Lembra que durante todo o ano podes achegarte de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ata o local de Carballo Limpo, situado nas galerías da rúa Desiderio Varela, número 34. Entregarémosche un caldeiro de 10 litros de capacidade para facilitarche a separación dos restos orgánicos no teu fogar, tres atados de bolsas compostables que poderás repoñer cando se che acaben, un tríptico informativo e, por suposto, a chave.