Turismo de Santiago aposta polo mercado norteamericano como un mercado estratéxico para evolucionar o modelo turístico da cidade. Con este fin está participando esta semana nunhas xornadas específicas de promoción organizadas por Turespaña, que se celebran en tres das grandes cidades estadounidenses emisoras de turismo a España: Chicago, Nova Iorque e Dallas.
Nestas xornadas Turismo de Santiago presentará a cidade e manterá reunións con axentes de viaxes e touroperadores interesados en Compostela como destino turístico de calidade.
O obxectivo é consolidar o importante crecemento do turismo norteamericano na cidade que se produxo nos últimos anos e que se retomou con forza neste 2022 tras o parón no turismo internacional xerado polo Covid-19. Un exemplo desta forte recuperación son os 25.226 peregrinos de Estados Unidos que chegaron a cidade ata o mes de outubro, moi preto dos 26.324 de Italia e por riba dos 22.557 do Alemaña, os 19.431 de Portugal ou os 9.860 de Francia.
No 2019 Estados Unidos foi o principal mercado emisor internacional a Santiago, con 89.832 pernoctacións nos establecementos hoteleiros de cidade, segundo osa datos do INE, situándose amplamente por riba dos outros dous grandes mercados emisores a Compostela: Alemaña, con 72.297, e Italia con 69.211.
Pero a importancia do mercado norteamericano para Santiago vai máis alá das cifras de pernoctacións e peregrinos. É un mercado estratéxico tamén polo alto gasto medio dos turistas dos Estados Unidos. Segundo o INE, o gasto medio diario dun turista estadounidense en España no 2019 foi de 152 euros, por riba dos 147 dos Países Baixos, os 138 de Alemaña, os 136 de Reino Unido, os 130 de Italia, os 127 de Bélxica, os 124 de Portugal e os 99 de Francia.
Pero ademais os turistas e os peregrinos dos Estados Unidos teñen un importante efecto desestacionalizador. Por exemplo, no que vai de 2022, os meses con maior número de peregrinos dos Estados Unidos foron outubro, con 4.992, xuño, con 4.908 e setembro, con 4.473. En xullo houbo 3.547 e en agosto 1.374.
A aposta de Turismo de Santiago polo mercado estadounidense encaixa no obxectivo municipal de continuar evolucionando o modelo turístico cara un modelo sostible e rendible economicamente, focalizando os esforzos en mercados de alto valor engadido para a cidade.
Dende comezos de setembro Turismo de Santiago participou na feira de turismo de luxo ILTM Asia Pacific, adicada ao segmento do turismo de luxo dos mercados asiáticos e de Oceanía; a feria Jata de Tokio, a máis importante das feiras turísticas que se celebran para o mercado xaponés; as Spain Tourism Summit, unhas xornadas específicas organizadas por Turespaña para os mercados de Brasil e Arxentina.