O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 5 de decembro
O Concello de Lousame vén de sacar a licitación, por procedemento aberto simplificado e ordinario, tres proxectos de pavimentación nas aldeas de Camboño, Burzó, Escabia e Aldea Vella, en Gandarela, por un importe 133.781,79 euros. As empresas interesadas en acceder a algunha destas tres licitacións teñen de prazo ata o vindeiro 5 de decembro para presentaren as súas ofertas. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que se trata “de pequenas actuacións que estamos acometendo por todo o municipio para ir mellorando pouco a pouco a accesibilidade e o interior das nosas aldeas, como as que van comezar en breve na aldea de Pousada”.
O proxecto máis importante, orzamentariamente falando e o da pavimentación dun viario no núcleo de Camboño, “a primeira das tres fases nas que pretendemos mellorar o interior desta aldea”, puntualiza Villaverde Pais. As obras inclúen a nivelación do pavimento existente dun viario de 385 metros de lonxitude e 3,75 metros de ancho, que será pavimentado con cinco centímetros de zahorra e quince de formigón, intercalando franxas de adoquín de granito silvestre. Conta cun orzamento de 67.467,21 euros.
O segundo proxecto, cun presuposto de 49.399,73 euros, inclúe dúas actuacións. A primeira é a pavimentación dos accesos á aldea de Burzó, dividida en dous treitos de 130 e 110 metros respectivamente e cun ancho de catro metros. Pavimentarase con quince centímetros de grava e posterior tripla tratamento asfáltico. Completarase a obra coa colocación dun sinal de Stop. No que atinxe á pavimentación dos accesos á costa da Escabia, pavimentaranse con quince centímetros de zahorra e dez de formigón un total de cinco treitos, que suman 240 metros e dun ancho variable entre os 3 e os 10 metros. A obra completarase coa construción dun muro de contención de terras de 16 metros de longo por 3 metros de alto para a contención de terras.
Finalmente, o Concello de Lousame investirá 46.008,92 euros na pavimentación de catro viarios en Aldea Vella, en Gandarela. Catro viarios que suman 240 metros de lonxitude e cun ancho común de catro metros, intercalando franxas de adoquín coma en Camboño. Así mesmo, inclúese a pavimentación dun treito de 90 metros de longo e 5 de ancho, así como a limpeza de gabias e salvagabias para unha correcta drenaxe.