O Pleno aprobou a primeira Ordenanza Xeral de Prezos Públicos do Municipio, que recolle un 50% de desconto para familias numerosas e a gratuidade nos casos que conten cun informe previo dos Servizos Sociais
O pleno municipal extraordinario celebrado este mediodía en Frades aprobou a Conta de 2014 e a súa remisión ao Tribunal de Contas, logo de ter sido exposta ao público durante 23 días e non terse presentado alegación algunha. Unhas contas que recollen un remanente de tesourería de 73.667,48 euros e un investimento por habitante de 191,39 euros.
O tesoureiro municipal, Manuel Marzoa, explica que son unhas contas que “demostran que se está facendo unha política de estabilidade e equilibrio sen descoidar o investimento”. Así, as Contas de 2014 recollen unha execución do 86% do gasto previsto e dun 83% dos ingresos, así como unha liquidez en bancos de 241.683,25 euros. A proposta foi aprobada cos 8 votos a favor do PP e as 2 abstencións do BNG.
Ordenanza de prezos públicos
Así mesmo, o pleno municipal aprobou a creación da primeira Ordenanza Xeral de Prezos Públicos do Concello de Frades así como a delegación do Pleno na Xunta de Goberno Local da potestade para establecer e modificar os prezos públicos. Dúas medidas que foron aprobadas cos 8 votos a favor do PP e os votos en contra do BNG.
Ante as reticencias do BNG, Manuel Marzoa explicou que “hoxe non estamos fixando ningún prezo, senón aprobando unha ordenanza para regular o que xa se estaba facendo”. Un punto que corroborou o alcalde de Frades, Roberto Rey, “non se van poñer prezos novos. Sempre houbo actividades gratuítas e outras de pago, o que estamos facendo agora é simplemente regular o procedemento”.
Así, esta nova ordenanza, que entrará en vigor 15 días despois da súa publicación no BOP, recolle descontos do 50% para familias numerosas, garante a prioridade aos empadroados en Frades á hora de participar nas actividades e establece o pago mensual nas actividades de carácter anual. “Ademais, o Concello de Frades resérvase a posibilidade de establecer a gratuidade en cursos e actividades para persoas desfavorecidas, sempre previo informe dos Servizos Sociais municipais”, indicou Manuel Marzoa.