Un total de 96 persoas procedentes de 17 clubes de toda Galicia inscribíronse para participar no “XVII Trofeo de Tiro con arco Cidade de Narón”. O concelleiro de Deportes, José Oreona, o vicepresidente do Club Arco Narón, Anxo Grandal, e o tesoureiro da citada entidade deportiva, Víctor Matesanz, presentaron esta mañá o evento, que terá lugar o sábado 19 de novembro nas instalacións do pavillón polideportivo Campo da Serra a partir das 9.00 horas. Á cita está prevista a asistencia de recoñecidos arqueiros como Miguel Alvariño, subcampeón na Copa do Mundo e 4º posto no ranking mundial, e Laura Matesanz, campiona galega incluida pola Federación Española de Tiro con arco no Plan de alto rendemento.
O concelleiro de Deportes recordou que esta convocatoria, que figura no calendario oficial da Federación Galega de Tiro con Arco, é unha proba puntuable para o ránking galego e para formar o equipo autonómico nos vindeiros campionatos de España da especialidade.
O vicepresidente do Club Arco Narón explicou que en horario de mañá, a partir das 9.00 horas, será a competición das categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil, así como unha nova categoría, a Novel, creada pola entidade e formada con participantes das Escolas Deportivas e que inician nesta edición a actividade de competición.
As competicións de Cadete-Junior, Sénior e Veterán se poderán ver en horario de tarde, a partir das 14.30 horas, se ben previamente procederase a rematar as pertinentes tandas de adestramento. Os participantes dispararán no round clasificatorio dúas series de trinta frechas en tandas de tres, tal e como figura nas bases da convocatoria.
Os representantes do Club Arco Narón, que conta con preto de 90 licencias, agradeceron a colaboración do Concello para organizar un ano máis este trofeo na cidade. Pola súa banda, o edil de Deportes animou á cidadanía a asistir a este evento, no que xogarán menores e adultos cun destacado nivel nesta práctica deportiva.