As persoas interesadas en participar aínda poden inscribirse nalgunhas actividades
Haberá visitas guiadas e diversos obradoiros en horario de mañá e tarde
O Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón organiza este sábado unha xornada de portas abertas co motivo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial.
As persoas interesadas en participar na xornada, que se desenvolverá desde as 10.00 ata as 19.30 horas, poden chamar ao teléfono do Museo Arqueolóxico, 981 189 850, en horario de 10.00 a 19.30, para inscribirse, xa que aínda hai habilitadas prazas para poder asistir.
Para a conmemoración do Día Internacional do Patrimonio Mundial haberá dúas visitas guiadas para coñecer en detalle o Museo Arqueolóxico, en horarios de 12.00 e 18.00 horas. Dirixidas ao público adulto, terán unha duración aproximada de 75 minutos.
Pola mañá, ás 12.00 horas, desenvolverase o taller “Acercamento á Cianotipia”, no que os máis pequenos poderán coñecer unha interesante técnica fotográfica, a cianotipia, coa que traballarán a súa creatividade xa que recibirán explicacións do proceso previo e os diferentes pasos para elaborar a súa propia cianotipia sobre papel. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos e terá unha duración de dúas horas.
A tarde está reservada para o obradoiro, xa dirixido para adultos, tamén sobre a técnica da cianotipia. Serán ás 17.00 e 19.00 horas, cunha duración de 90 minutos, e permitirán entrar en contacto co cianotipia, creando a súa propia peza sobre papel ou tea, coa emulsión fotográfica aplicada previamente, e sobre a que se colocarán diferentes obxectos ou fotografías impresas en acetato.
Esta será a segunda xornada de portas abertas que organiza o Museo Arqueolóxico nas últimas semanas, xa que en outubro celebrou tamén o 54 aniversario da inauguración do Museo de San Antón con visitas guiadas e varios obradoiros, e a principios deste mes, o primeiro centenario do descubrimento da tumba de Tutankamon nas beiras do Nilo, cunhas conferencias nas que se expuxo este gran descubrimento, ademais de varios proxectos levados a cabo por arqueólogos galegos na zona. Neste contexto presentouse tamén a colección que custodia o Museo Arqueolóxico de pezas exipcio-nubias, entre as que se atopan unha mesa de ofrendas, vasos cerámicos, cuncas, ánforas, lucernas e abelorios de colar.