Friday 22 de November de 2024

Inés Rey reivindica unha maior presenza de referentes femininos no sector do emprendemento e a empresa


A alcaldesa interveu na apertura do “Encontro de emprendedoras e desenvolvemento sostible” organizado por Fundación Mujeres

Destacou que na Coruña os polígonos de Pocomaco e Agrela son presididos por dúas empresarias, Lucía López e Begoña López

A alcaldesa, Inés Rey, interveu esta mañá no acto de apertura do “Encontro de emprendedoras e desenvolvemento sostible” organizado por Fundación Mujeres, xunto coa presidenta da Fundación, Elena Valenciano; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e a conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana. Rey lamentou a falta de referentes femininos no sector do emprendemento e da empresa, e especialmente no sector TIC “que conta só cun 20% de mulleres traballando no sector a nivel mundial”, e reivindicou o papel das mulleres nese ámbito.

A rexedora destacou que os principais polígonos empresariais da Coruña teñen unha muller á fronte da directiva. “Lucía López e Begoña López son presidentas das asociacións empresariais de Pocomaco e Agrela respectivamente, un feito que quero poñer en valor pola súa excepcionalidade e porque debemos visibilizar ás nosas referentes locais, como o é Amparo Alonso, coordinadora do Grao de Intelixencia Artificial da UDC” sinalou. Rey concluíu a súa intervención agradecendo á Fundación Mujeres a organización do encontro, “esperando volver a realizalo nun futuro no que as pequenas porcentaxes de representación sexan cousa do pasado”.