Friday 22 de November de 2024

O Concello da Coruña abre o prazo de solicitude do Bono Taxi 2023 para as persoas con mobilidade reducida


Os usuarios teñen un prazo dun mes para solicitar as axudas deste programa, que conta cun orzamento de 156.000 euros

Mañá, xoves 17 de novembro, arranca o prazo para solicitar o Bono Taxi 2023 posto en marcha polo Concello da Coruña a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación. O obxectivo deste programa é garantir un medio de transporte para aquelas persoas con mobilidade reducida que teñen dificultades para acceder ao transporte público colectivo.

O Concello da Coruña porá a disposición das persoas usuarias uns bonos cos quesufragará parte das viaxes en taxi que realicen. Este programa ten un orzamento total de156.000 euros e estará vixente durante todo o ano 2023. O importe máximo que recibirá en forma de bonos cada persoa beneficiaria será de 1.000 euros.

Esta convocatoria de axudas económicas do Concello da Coruña está dirixida a persoascunha diversidade funcional que afecte gravemente á súa mobilidade e lles impida usar os medios de transporte público colectivos. Deste modo, o Goberno local daralles un servizo alternativo para os seus desprazamentos a través deste Bono Taxi.

Para solicitar estas axudas deberase acreditar un grao de discapacidade recoñecida poloorganismo competente da Xunta de Galicia que impida o uso habitual do transporte público colectivo. Ademais, estas axudas están destinadas a persoas maiores de tres anos, residentes e empadroadas na Coruña e sen vehículo propio en caso de maiores de 18 anos.

O prazo para solicitar o Bono Taxi 2023 comeza mañá despois de que o BOP publicase a resolución da convocatoria. Poderase solicitar por rexistro físico ou electrónico na sede do Concello da Coruña cun formulario específico para esta campaña. O prazo rematará nun mes, o 16 de decembro.

Con esta iniciativa o Goberno de Inés Rey busca que a cidadanía teña acceso a un transporte de calidade, sexa cal sexa a súa condición física. Os bonos seranlles entregados ás persoas beneficiarias en formato papel e ofrecerán descontos de ata 3 euros por cada viaxe. A persoa deberalle aboar o importe restante á ou ao taxista, resultante da diferenza entre o valor do bono entregado e o importe total da carreira. As axudas serán persoais e intransferibles. As persoas beneficiarias deberán facer constar a súa sinatura no bono e exhibir o seu documento de identidade ante a ou o taxista.