Saturday 16 de November de 2024

O BNG da Laracha presenta alegacións ao proxecto de Parque Eólico Meirama


Trátase do quinto proxecto de parque eólico que se publica este ano e que afecta o concello da Laracha.

Nesta ocasión é un proxecto que afecta os concellos da Laracha e Cerceda, con 6 aeroxeradores dos que 4 van dentro do termo municipal da Laracha e os outros dous en Cerceda, ademáis das correspondentes liñas de evacuación. Hai que ter en conta que este proxecto practicamente solápase con outro publicado no pasado mes de abril e ao que xa alegamos no seu momento, o Parque Eólico Coto Loureiro, quedando algúns lugares soterrados entre aeroxeradores entre un e outro proxecto (como é o caso de Silvoso e O Portodoso, en Soandres). Son moitos os núcleos de poboación afectados en todos estos proxectos, que no caso de que sexan aprobados a poboación que reside nos mesmos terá moi complicado poder continúar a súa vida normal nas súas casas. Este modelo eólico depredador, no que grandes multinacionais pretenden vir a instalar enormes torres de máis de 200 metros afectando a centos de núcleos de poboación e levar o beneficio sen deixar nada no territorio, non só non aporta nada para fixar poboación no rural senón todo o contrario, termina botando a xente e despoboando máis o rural.

Por outra banda, coñecemos estes días a setenza do TSXG que obriga a Xunta de Galiza a admitir a trámite a solicitude de autorización dun novo proxecto de parque eólico, o Parque Eólico Pedrouzos (impulsado pola empresa Norvento), que viría tamén a solaparse con estes dous (o Parque Eólico Coto Loureiro e o Parque Eólico Meirama), inzando a serra de Montemaior de grandes muiños de máis de 200 metros e afectando os centos de persoas que viven nas parroqias de Soandres, Montemaior e Golmar fundamentalmente.

Con este serían xa 6 os proxectos que afectan o noso concello, só contando os publicados este ano e o afectado por esta sentenza:

– Parque Eólico Coto Loureiro, que afecta directamente as parroquias de Soandres, Montemaior e Cerceda.
– Parque Eólico Carboeiro, que afecta as parroquias de Erboedo e Soandres.
– Parque Eólico Monteagudo, que afecta a Caión.
– Parque Eólico Pedra Queimada, que afecta a Caión.
– Parque Eólico Meirama, que afecta a Soandres.
– Parque Eólico Pedrouzos, o afectado pola sentenza e que iría tamén na zona de Soandres e Montemaior.