O Concello de Narón desenvolve, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia -no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU-, unha campaña de compostaxe domiciliaria destinada a 75 vivendas do termo municipal.
O vindeiro mércores, día 17 de novembro, de 15:30 a 18:30 h, habilitarase no entorno do centro cívico de Pedroso (antiga rectoral) un stand informativo, atendido por monitores ambientais especialistas en xestión sostible dos residuos para que os veciños e veciñas interesados se poidan informar e inscribir na campaña.
Esta acción complementarase coa colocación doutro stand informativo o martes, día 29 de novembro, de 15:30 a 18:30 h, no local social de Doso.
O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, recordou que os veciños e veciñas interesados en adherirse á campaña e adquirir un composteiro, de forma totalmente gratuíta, poderán solicitalo nos stands informativos habilitados en Pedroso e Doso ou no teléfono do concello 981 33 77 00, ata finais do mes de novembro.