Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame convoca os seus Obradoiros de Memoria, unha actividade gratuíta dirixida a maiores de sesenta anos


A edición número trece destes obradoiros comezará a funcionar os días 6, 7 e 9 de outubro. A inscrición está aberta durante todo o curso

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lousame convoca por decimoterceiro ano consecutivo os seus Obradoiros da Memoria, unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores do municipio a través da realización de actividades para manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe. Unha iniciativa incluída dentro do Programa de Dinamización de Persoas Maiores, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña.

Baixo o lema “Activa-mente!”, os Obradoiros da Memoria de Lousame están abertos a todos os veciños e veciñas maiores de 60 anos. Unhas actividades que se levan a cabo todas as semanas entre outubro e xuño nos distintos locais sociais das parroquias e que son impartidos por persoal dos Servizos Sociais do Concello de Lousame. A inscrición é totalmente de balde e está aberta durante todo o curso, polo que só é preciso poñerse en contacto cos Servizos Sociais de Lousame ou chamar ao 981 820 494.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que o obxectivo destes Obradoiros da Memoria é “mellorar a calidade de vida dos nosos maiores que, a través de exercitar a súa memoria, poden previr ou retardar a aparición do deterioro cognitivo. Ademais, con estas actividades promóvese a xuntanza veciñal para lembrar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas”. Así, mediante dinámicas e exercicios adaptados ao nivel do grupo e de cada participante, os maiores exercitan capacidades como a memoria, a atención, a linguaxe ou o cálculo.

Os Obradoiros da Memoria impartiranse a partir da próxima semana nos locais sociais das distintas parroquias, salvo en Tállara, onde se celebrará na escola do Sanguiñal. As sesións de presentación terán lugar o martes 6 de outubro en Vilacoba (10:15 horas) , Lesende (10:30 horas) e na Escola do Sanguiñal (12:00 horas); o mércores 7 de outubro en Camboño (10:30 horas) e Escabia (10:30 horas); e o venres 9 de outubro en Aldeagrande (10:00 horas) e Cruído (10:00 horas).