Nas vindeiras semanas continuaranse habilitando novas estacións e xa está adxudicada unha ampliación dos vehículos eléctricos en 92 unidades
O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, habilitará este mércores, 16 de novembro, dúas novas estacións do renovado servizo de BiciCoruña. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey aposta de maneira decidida pola mobilidade sostible e suma xa 28 bases para bicicletas municipais en distintas zonas da cidade, incluíndo as dos Rosales, Cidade Escolar e Durmideiras, últimas en engadirse á rede.
Unha estará situada na rolda de Nelle, á altura do número 79. Esta estación permitirá facer fronte á alta demanda deste servizo público na contorna. A outra das estacións que quedarán mañá habilitadas será a situada na avenida da Habana, a carón da piscina municipal de Riazor. Esta base atópase nun espazo onde se están a executar traballos para a creación dun carril bici que conectará o Paseo Marítimo con Gregorio Hernández.
“Seguimos a constatar o grande éxito deste servizo público impulsado polo Goberno de Inés Rey. As cifras de usuarios e usuarias actuais e de usos diarios superan as nosas expectativas iniciais. Nos vindeiros meses continuaremos mellorando este servizo con máis estacións e novas bicicletas eléctricas”, apuntou Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade.
O Concello da Coruña ampliará a frota de bicicletas eléctricas con 92 novos vehículos que xa están adxudicados. Ademais, o Goberno de Inés Rey ten previsto investir 2 millóns de euros nunha nova ampliación de BiciCoruña, tras concorrer a unha nova convocatoria dos fondos europeos Next Generation. Esta será unha ampliación das 55 estacións previstas na actualidade e destinarase a novas estacións, a electrificar bicicletas que na actualidade son mecánicas e á compra de novas bicicletas eléctricas.
Ademais, recentemente, o Concello decidiu ampliar o horario do servizo de BiciCoruña de maneira permanente, pasando este a ser de sete da mañá a unha da madrugada. Deste xeito, búscase satisfacer a ampla demanda destes vehículos e apostar decididamente por unha mobilidade sostible na cidade.
O servizo e as modalidades de pagamento
O servizo municipal de BiciCoruña está disposto baixo dúas modalidades de pagamento: unha anual e outra ocasional. A anual ten un custo de 40 euros (3,33 euros ao mes) e, por outra banda, creouse unha modalidade ocasional ou turística, que serve para dar resposta á demanda das persoas que están de paso na cidade. O seu prezo é de 10 euros e permite usar a bicicleta durante un mes. O uso máximo nesta modalidade é de dúas horas, pero non permite volver retirar a bicicleta da estación unha vez depositada.