Saturday 16 de November de 2024

A familia do pintor e deseñador gráfico fenés, Alberte Permuy, cede catro obras do artista ao Concello de Fene


O alcalde de Fene e o irmá e representante do pintor, Xosé María Permuy, asinaron está mañá un convenio de cesión en depósito ao Concello de Fene de catro pinturas acrílicas sobre tea da autoría de Alberte Permuy datadas entre 1979 e 1992. O convenio, cunha duración inicial de tres anos, é prorrogable polo período que estimen as dúas partes e, de ser o caso, o Concello de Fene poderá negociar co autor a adquisición de parte ou da totalidade da obra cedida para incorporala ao seu patrimonio artístico.

As obras que a familia de Alberte Permuy cede en depósito ao Concello de Fene son catro acrílicos sobre tea de diferentes tamaños (228×146; 97X163; 97X163 e 80X59) pintados entre 1979 e 1982. Na primeira das obras, “sen título”, e datada en 1979, o artista “esquece, dalgunha maneira, un pasado empírico e desde a aventura atlántica, na que participa directamente, toma posicións sólidas e comenza un camiño que conduce á pintura como placer, exploración dunha veta tan enraizada na Galicia psíquica como na apariencia antropolóxica dos seus campos ou do seu mar”

As obras dos oitenta, “Cactus” e “sen título”, teñen en Permuy “pautas fundamentais que se circunscriben ós momentos máis connotativos de determinadas obras. Estas marcan os fitos da súa reflexión continuada en torno ó discurso principal: a cor tratada con liberdade”. Os cactus e xardíns do 82 “verticalizaban a expresión abstracta da natureza, xestualizando, con lirismo o entramado selvático que experimentaba na pincelada tonga e curva un horror ao baleiro, iluminando o ritus ascendente dos trazos”.

SOBRE O ARTISTA

Alberte Permuy nace en Barallobre en 1955. Estuda Arte e Deseño Gráfico na Escola EINA de Barcelona. Comeza a traballar como deseñador gráfico en 1979 en Barcelona, onde nese mesmo ano recibe o premio de Deseño Gráfico Joan Prats da Fundación Joan Miró, Barcelona. En 1981 é becado polo Ministerio de Cultura, para a realización de Novas formas expresivas.

Posteriormente, en 1983, funda o seu estudo de deseño en Santiago de Compostela e, en 1992, crea a empresa Permuy Asociados Deseño e Comunicación S.A. O mellor expoñente das orixes desta empresa compostelá é o logotipo do concello de Santiago, “un encargo que perdura alleo aos caprichos da moda e consolídase, se cabe, máis cada día”. Entre os seus traballos máis destacados figuran tamén a realización da imaxe e o desenvolvemento gráfico dos Xacobeos 99, 2004 e 2010 e a creación e deseño da identidade institucional da Xunta de Galicia. Ademais de numerosos deseños e logotipos para institucións públicas e empresas privadas.

Foi seleccionado pola Sociedade Estatal para o Desenvolvemento do Deseño e a Innovación, DDI, para o proxecto “Deseño en Comunidade” en diferentes edicións. Os seus traballos foron incluídos en numerosas publicacións como os anuarios “Select” de Index Book, “Experimenta. Guía do deseño español”, “Guía Creativity” e “Creative Index España”, e para revistas como Visual, ON Deseño, Experimenta e Arte Gráfica. Participou en exposicións como: “300% Spanish Design” en Lisboa, Atenas, @Shangai e Pequín, 2006-2007; “Paixón: Deseño español” organizada polo DDI e a Sociedade Estatal para a Acción Cultural no Exterior, en Berlín e Salamanca en 2002 e “Signos do Século. 100 anos de deseño gráfico en España”, no Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, 2000.

Como pintor, a súa primeira exposición individual ten lugar no Concello de Ferrol no ano 1972. No ano 1973 funda o “Grupo Sisga” co que realiza numerosas exposicións por toda Galicia. A súa obra pictórica desenvólvese fundamentalmente entre 1974 e finais da década dos oitenta, período no que realizou numerosas exposicións individuais e colectivas.

Ten obra pictórica no Museo de Arte Moderno de Barcelona (MACBA), na Colección de Arte de Abanca, no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, no Centro de Documentación de Arte Actual de Barcelona e no Museo Carlos Maside de Sada.

Recoñecido como un dos deseñadores galegos máis destacados dos últimos 40 anos como Pepe Barro, Xosé Díaz ou Xosé María Torné, unha mostra da súa obra pode verse na exposición sobre a historia do deseño gráfico galego, “A Galicia deseñada”, que se amosa o público no espazo cultural NORMAL da
Universidade da Coruña até o 13 de xaneiro de 2023.