O encontro comezará o 21 de novembro, coincidindo coa celebración do centenario do seu nacemento
O congreso permitirá incorporar á cidade da Coruña ao circuíto internacional de especialistas sobre a figura de María Casares
A asistencia ás sesións, que se desenvolverá na Casa Museo Casares Quiroga, serán gratuítas
O Ano Internacional María Casares terá como remate un congreso internacional que contará coa participación dos más importantes estudosos e expertos da figura da actriz coruñesa. O encontro coincidirá coa celebración do centenario do seu nacemento, o día 21 de novembro.
O encontro, denominado ‘María Casares, cen anos de vida’, analizará os días 21 e 22 deste mes a figura de María Casares desde moi diferentes ópticas e perspectivas, abordando aspectos como a súa vida tanto na Coruña como no seu exilio en Francia, a súa traxectoria profesional no teatro e no cine e a súa memoria familiar. Debatiranse, ademais, temas como a memoria histórica ou exilio republicano.
A análise farase tamén a través de diferentes formatos, como conferencias, debates, lecturas dramatizadas, proxeccións ou sesións poéticas. Destaca neste sentido a estrea do documental de Xavier Villaverde, ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’, que terá lugar no teatro Colón o día 21, ás 21.00 horas.
O desenvolvemento deste encontro permitirá incorporar á cidade da Coruña ao circuíto internacional de especialistas sobre a figura da actriz. De feito, durante o congreso participarán tamén diversos museólogos e historiadores, así como representantes de diferentes casas-museos de Francia, como a dedicada a María Casares en Alloue.
O congreso, que inaugurará a alcaldesa, Inés Rey, comezará o día 21 e analizará a figura de María Casares durante a súa vida en Galicia, coa conferencia da actriz e ensaísta María Lopo.
Durante o primeiro día participarán, entre outros expertos, Marion Chénetier-Alev, profesora de Estudos Teatrais da ENS de París, a directora da Maison Jean Vilar de Avignon, Nathalie Cabrera ou a codirectora da Maison María Casares, de Alloue, Johanna Silberstein,
O segundo día do congreso participarán tamén, entre outros, as actrices Sabela Hermida,Mabel Rivera e Esther Lázaro, o xornalista e escritor Alberto Ramos, os historiadores Emilio Grandío, Xosé Alfeirán e Francisco Xavier Redondo Abal e Manuel Aznar Soler, catedrático da Universitat Autónoma de Barcelona e director do Grupo de Estudos do Exilio Literario (Gexel), que ofrecerá a conferencia de clausura ‘María Casares e o exilio republicano de 1939’.
Todas as actividades incluídas dentro do encontro internacional serán gratuítas e de asistencia libre ata completar a capacidade e desenvolveranse na Casa Museo Casares Quiroga, agás a estrea do documental de Xavier Villaverde.
Con este encontro internacional remata a programación desenvolta polo Concello dentro do Ano Internacional María Casares para conmemorar o centenario do nacemento da actriz. Foron máis dun cento as actividades organizadas e promovidas polo goberno municipal para poñer en valor a figura dunha gran coruñesa e dunha das grandes figuras das artes escénicas e do mundo do cine e que tivo que sufrir as consecuencias do exilio.
Exposicións, estrea de películas e documentais, conferencias, charlas, poesía, actividades didácticas para escolares e nas bibliotecas municipais, difusión turística, presentacións de libros, visitas guiadas, podcasts, teatro, cine, postcrossing, encontros, rutas e outros actos e disciplinas leváronse a cabo durante este Ano Internacional María Casares, o que permitiu o recoñecemento de María Casares por parte da súa cidade natal e resaltar a importancia que tivo a súa figura para a cultura española e francesa.
Foi tamén unha celebración que colaborou a recordar e analizar un dos períodos máis cruentos e complicados da historia de España así como a importancia do exilio republicano xunto coas vivencias dalgúns dos seus principais protagonistas.
Presentación da novela gráfica ‘María Casares.Eu son do océano’
Por outra banda, este martes, 15 de novembro, presentarase a novela gráfica ‘María Casares.
Eu son do océano’, escrita por María Xesús Arias e que conta cos dibuxos de Carlos Sardiña.
A presentación terá lugar a partir das 19.30 horas na Casa Museo Casares Quiroga. O debuxante Carlos Sardiña, o director de Radio Fene Radiofusión, Henrique Sanfiz, que colaborou na edición do libro, e o escritor Antonio Tizón participarán no acto que se levará a cabo unha semana antes do aniversario da actriz galega. A publicación, unha biografía de María Casares, está recomendada para o público infantil e supón a obra póstuma de María Xesús Arias, falecida no pasado mes de abril.