Feijóo fai fincapé na necesidade desta Lei para completar o marco normativo ao que se lle leva dando forma nos últimos anos e que está constituído xa por unha Estratexia Galega de Acuicultura e un Plan Director de Acuicultura Litoral
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apuntou hoxe que o Consello vén de aprobar o Anteproxecto de Lei de Acuicultura co fin de relanzar esta actividade na Comunidade, simplificar o seu desenvolvemento e garantir que se faga con respecto ao medio.
O presidente do Goberno galego fixo fincapé na necesidade desta Lei para completar o marco normativo ao que se lle leva dando forma nos últimos anos e que está constituído xa por unha Estratexia Galega de Acuicultura e un Plan Director de Acuicultura Litoral, inicialmente aprobado.
Nesta liña, matizou que esta Lei específica suporá regular “con intensidade e seguridade xurídica” esta actividade nun único texto, xa que ata agora a súa regulación recollíase ou ben en normas de menor rango -algunhas delas con máis de 10 anos de antigüidade- ou entre o articulado doutras leis, como a Lei de Pesca.
Por tanto, con esta Lei dáse resposta á necesidade de dotarnos dun marco normativo axeitado para garantir o correcto desenvolvemento da acuicultura, e para dar unha resposta útil as problemáticas específicas desta actividade.
Do mesmo xeito, esta Lei tamén supón aproveitar unha oportunidade, xa que a relevancia da acuicultura é indiscutible cando máis da metade dos alimentos de orixe acuática que se consumen proceden de establecementos acuícolas. Ademais, tamén a Unión Europea aposta firmemente por esta actividade, e de feito o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca fixa a acuicultura como un dos seus obxectivos prioritarios. Neste contexto, Feijóo lembrou que España ten tamén un plan en marcha para incrementar a produción acuícola.
Polo tanto, o mandatario galego cre que Galicia tamén debe xogar un papel protagonista, sobre todo tendo en conta que acumula unha experiencia histórica que lle permite poder aspirar a afianzar o lugar punteiro en materia acuícola que sempre tivo.
A maneira de aproveitar esta oportunidade
Como destacou Feijóo, a Xunta aposta pola acuicultura, “pero non de calquera maneira”, senón co propósito de que esta actividade sexa estratéxica, é dicir, prioritaria, que sexa duradeira, e viable.
Neste senso, engadiu que o feito de que sexa estratéxica significa que ten que ser prioritaria e significa que temos que facilitarlla a quen queira aposta por ela en Galicia: por iso, esta Lei márcase como axilizar e simplificar os trámites burocráticos ao máximo posible.
No relativo ao seu carácter duradeiro, iso implica que sexa segura e que teñan que estar ordenada. Por iso, esta Lei dota á acuicultura da maior seguridade xurídica posible e fai un esforzo de planificación e de ordenación das zonas de interese preferente.
Por outra banda, que sexa viable, segundo o titular da Xunta, significa que ten que ser unha actividade respectuosa con Galicia e, por iso, esta norma inclúe unha batería de medidas para asegurar que o desenvolvemento acuícola se faga de forma sostible e compatible co medio ambiente, tanto durante o tempo en que funcione unha planta acuícola, como despois de que deixe de funcionar para que se repoña o estado natural da zona.
Primeira na Unión Europea
Por outra banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, explicou que esta futura lei será a primeira da Unión Europea nesta materia. Sinalou que ao longo dos 15 títulos que recolle, regúlanse de xeito global os instrumentos necesarios para garantir a explotación e xestión sustentables da actividade. Faino de maneira integral, xa que, tal e como explicou a titular de Medio Rural e Mar, abarca catro zonas ou ámbitos.
Unha delas é a zona marítima, referente aos cultivos que se desenvolven na lámina de auga mariña, normalmente a flote. O exemplo máis claro, explicou a conselleira, son as bateas ou as gaiolas. Outra zona é a marítima-terrestre, que abarca ás áreas intermareais nas que están os bancos marisqueiros ou parques de cultivo, como os de Carril, en Vilagarcía de Arousa. A parte litoral da zona terrestre é outro dos ámbitos e correspóndese coa zona en terra máis próxima á costa e na que se instalan, por exemplo as plantas de cultivo de rodaballo. A outra área é a interior da zona terrestre, na que se desenvolve fundamentalmente a acuicultura en auga doce.