· O Concello de Camariñas levou a cabo hoxe unha homenaxe ás persoas que axudaron, hai 20 anos, nas labores de limpeza da costa tralo afundimento do petroleiro.
· O acto contou coa presenza da ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, ademais de representantes doutras institucións e da sociedade civil.
· A programación incluíu unha mesa redonda con experiencias e relatos sobre o afundimento, unha exposición de fotografías e a instalación dun mural na Lonxa Vella.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, cualificou ás “ducias de miles de voluntarios e voluntarias” que se desprazaron ata a Costa da Morte “para salvar ese lugar, limpar as súas praias e as súas furnas, e dar testemuño de canto estaba mal en todo isto” como “os auténticos heroes daqueles días, sen asomo de discusión”.
Fíxoo durante o acto ‘Marea Branca 2002-2022’ organizado hoxe, domingo 13 de novembro, polo Concello de Camariñas, con motivo do vinte aniversario da catástrofe do ‘Prestige’, unha homenaxe aos centos de voluntarios e voluntarias que limparon o litoral e que se aloxaron no municipio.
O acto, que comezou ás 12 horas na Casa de Pedra, contou coa presenza da ministra de Política Territorial e Portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, ademais de representantes doutras institucións a nivel autonómico, provincial e local, do tecido asociativo e das entidades do municipio e de colectivos e persoas que no ano 2002 participaron de forma activa nas labores de limpeza do litoral.
Sandra Insua lembrou que “os voluntarios viñeron, limparon e formaron parte de nós, dunha estraña comunidade de perdedores, chamados esta vez a gañar” e salientou que “a Costa da Morte foi, desde aquel 13 de novembro e os días posteriores, un lugar de persoas de vontade, de capacidade para o traballo, para defender o que somos, para ensinar a outros o que significan as palabras solidariedade, voluntariado, apoio…”
A rexedora sinalou que os medios de comunicación “puxeron o foco nun mesmo lugar. A Costa da Morte era ese lugar. Camariñas, Muxía e Fisterra eran esas localidades chamadas a sufrir, pero tamén a loitar” e explicou que “para ben ou para mal, España, o mundo, descubriu que existía un lugar lonxano cheo de vida, con nome de morte, un lugar mal comunicado, sen medios, nin técnicos nin humanos, distante, díficil e de invernos secos e duros, pero tamén sumamente fermoso, que valía a pena que fose salvado”.
“Vinte anos despois somos algo máis vellos, igual tamén algo mais sabios, pero sobre todo temos a mesma memoria. Memoria de quen estivo e de quen non estivo. Memoria do que tiñamos antes e do que temos agora. Gañamos un Parador para Muxía e un tramo de autopista que nos acerca algo á Coruña, pero perdemos moito tempo e oportunidades para recurtar a fenda que nos separa doutros lugares con máis medios e oportunidades”, afirmou.
A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou a importancia deste día para quenes temos memoria, especialmente, para a veciñanza da Costa da Morte. “Es un honor estar aquí y expresar, en nombre del Gobierno de España, nuestro agradecimiento a pescadores y mariscadoras, de Camariñas y del resto de municipios afectados, los primeros en arremangarse para limpiar la costa”.
Rodríguez tamén destacou “el compromiso del Gobierno que engloba también a Galicia, a los gallegos y gallegas. Seguimos estando a vuestro lado, mano con mano, como hace 20 años. Eso es la política, ofrecer soluciones que hagan la vida más fácil a los ciudadanos y cuiden de nuestro entorno. Cuando se presenta un problema, la obligación del Gobierno y de las Instituciones púbicas es dar la cara, tender la mano y ofrecer soluciones”, añadió.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso reivindicou a “lección de dignidade e solidariedade da cidadanía” cunha “exemplar resposta” de miles de voluntarios que chegaron á costa galega desde todos os puntos de Galicia e España e retiraron miles de toneladas de fuel das nosas praias e cantís.
O presidente destacou tamén que “da catástofe do Prestige aprendimos leccións como que alonxar os problemas non fai que desaparezan”. “Un Goberno non debe alonxar os problemas, senón enfrontalos”, afirmou Formoso, que comparou “a manipulación e a mentira” dos que, mentres o chapapote cubría o mar, “negaban a marea negra e falaban de hilillos de plastilina ou galletas de fuel” coa recente xestión da pandemia na que o goberno “deu a cara”, a pesar de “ter que tomar a decisión máis difícil da historia do pais: confinar á poboación, parar todo o sistema produtivo e centrar os esforzos en reforzar a sanidade”.
Relatos, música e homenaxes
A programación da xornada abriuse cunha mesa redonda moderada polo xornalista de La Voz de Galicia, Santi Garrido, e na que se contaron experiencias e relatos de persoas que viviron en primeira persoa o afundimento do ‘Prestige’: Jacqueline Lista, agora é mariscadora pero naquel momento rexentaba o Bar Piña, desde onde presenciou os primeiros momentos de confusión; e Digna Romar e Carmen Pérez, percebeiras que coordinaron ás persoas voluntarias na costa de Camelle.
Logo, tralas intervencións das autoridades, realizouse unha homenaxe ao falecido Antonio Jesús Alonso Ballester, tenente de alcalde de Camariñas durante a catástrofe e encargado de coordinar o dispositivo de emerxencia. A alcaldesa cualificouno como “un home de profundas conviccións, entre elas a de que diante dunha necesidade extrema hai que estar, e el estivo. Estivo cando había que estar, onde había que estar e con todo canto tiña para ser útil, contaba con todos e contaba para todos, por iso vale a pena lembralo e por iso están hoxe aquí Cristina, Toño, Cris e Héctor xunto cos seus netos”.
Tralo recoñecemento, descubríronse dúas placas conmemorativas na Casa de Pedra, edificio que foi o fogar das persoas voluntarias durante eses días, nas que, por unha banda, se recoñece a súa labor e, pola outra, se detalla a súa procedencia. Neste espazo tamén se instalou unha exposición de fotografías da fotoxornalista de La Voz de Galicia, Ana García, sobre as labores de limpeza que levaron a cabo os voluntarios.
Por último, fíxose unha visita ao mural instalado na Lonxa Vella. Trátase dunha lona xigante na fachada da Lonxa Vella na que se ilustra, a través dunha fotografía do fotógrafo José Manuel Casal un dos momentos da limpeza da costa, poñendo en valor o espectacular traballo que levaron a cabo as persoas voluntarias. Os músicos locais Belem Tajes e Fran Barcia foron os encargados de amenizar este momento.