O Concello fixo entrega á Asociación Española contra o Cancro da recadación, que ascendeu a 4.720 euros
A cidadanía amosou esta mañá a súa cara máis solidaria en Neda, e preto dun millar de persoas concentrábanse nas inmediacións do Albergue para tomar parte na V edición da Andaina Pasos Solidarios por Neda.
Unha auténtica marea rosa que respondía á chamada do Concello nunha cita a beneficio da Asociación Española contra o Cancro. O showman local Dani Ríos convertíase de novo en padriño do evento, animando durante toda a mañá o acto. Xunto a el, colaboraban activamente Protección Civil, encargado de guiar o percorrido; firmas locais como Panadería Santa Rita e Zanshin Sport, e unha morea de persoas voluntarias de todas as idades. Uns nos puntos de avituallamento, outros encargándose dos dorsais, outros vendendo camisetas, desplegando haimas… un traballo en equipo.
As persoas participantes partían pasadas as 11 horas do paseo marítimo. Moitas caras coñecidas como as integrantes doutras asociacións “irmás” como Por+Vida ou Asotrame. Xuntos marchaban pola beira do paseo marítimo ata Santa María e, dende alí, cara Casadelos. Un percorrido de dificultade baixa no que estivemos acompañados polo sol e temperaturas agradables.
Sobre as 12:15 h, comezaban a chegar as primeiras persoas participantes á “meta”, o Albergue, onde repoñían forzas e comezaba o acto de entrega da recadación. As representantes da AECC recollían de mans do alcalde, Ángel Alvariño, dous cheques por valor total de 4.720 euros. Uns fondos que medrarán co obtido a través da venda de merchandising realizada pola propia AECC no acto. E, en suma, unha cuantía que se destinará a programas de atención e, tamén, a avanzar na investigación contra o cancro.
Por último, o Concello entregaba o galardón ao grupo máis numeroso: Luchadoras de la Vida, integrado por 59 persoas! E, como broche de ouro, sorteo de agasallos cedidos por unha morea de establecementos comerciais e de hostalería da zona.