Sandra Lodi, Peri Helio e Alejandro Mosquera convidan a reflexionar sobre o crecemento inclusivo, a innovación e as desigualdades a través das súas obras
A quinta edición do concurso ‘Muros que unen’ foi a que contou con máis participantes
Tres novas obras fomentarán a reflexión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU no CEIP Sal Lence tras gañar o V Certame de Murais arredor dos ODS ‘Muros que unen’, organizado polo Concello da Coruña e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As propostas de Sandra Lodi, Peri Helio e Alejandro Mosquera resultaron ser as que mellor ilustran os ODS 8, 9 e 10, que promoven o crecemento inclusivo, a innovación ou a redución das desigualdades.
Así o decidiu o xurado, integrado polas artistas Julia Lago, Carmen Seijas e Miguel Méndez‘Avión’, que venceron en anteriores edicións do concurso, canda unha representante do Fondo Galego e outra do Concello. Ao certame presentáronse 33 artistas, dos que 14 eran mulleres, e recibíronse un total de 44 bosquexos, co que se bateron o récord de participación destas cinco edicións. As tres obras seleccionadas faranse realidade a partir de hoxe no patio do centro educativo, con 38 metros de lonxitude.
A proposta ‘No mesmo equipo’, da compostelá Sandra Lodi, resultou escollida para representar o ODS 8: promover un crecemento económico sostido, inclusivo e sostible, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas e todos. O xurado valorou a capacidade para evocar estes aspectos a través dunha bicicleta na que pedalean profesionais e persoas diversas, que lle fan avanzar grazas a un esforzo común que vela pola protección da xente e do medio. Con trazos sinxelos e cores vivas, transmítese a mensaxe pensando tamén no público obxectivo da obra e facilitando unha lectura baseada na educación en valores.
O vigués Peri Helio vai ilustrar con ‘Postindustria’ o ODS 9: construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sostible e fomentar a innovación. O bosquexo pivota sobre a necesidade de reconverter as fábricas para que sexan sostibles, de aí que se propoña unha simbiose entre natureza e industria a través dunha escena fantástica e futurista pensada para lles facer reflexionar ás nenas e aos nenos. A orixinalidade do debuxo e a paleta de cores escollida reforzan o contido dunha paisaxe visualmente atractiva.
‘A grande aperta’, do coruñés Alejandro Mosquera, foi o deseño seleccionado para simbolizar o ODS 10: reducir a desigualdade entre os países. A obra presenta unha composición harmónica con cinco mulleres que levan o seu mundo na cabeza, en referencia a un oficio tradicional galego pero tamén a diferentes culturas que se unen para promover a igualdade de oportunidades. Con cores variadas pero cun estilo propio e recoñecible, apóstase por compartir e colaborar para acadar esa sociedade xusta que simboliza o fondo.
O xurado quixo salientar asemade a diversidade dos traballos seleccionados, así como o feito de que a súa autoría sexa tanto de artistas homes como mulleres. A través dos tres murais, premiados con 2.000 euros cada un, emprégase a arte urbana para difundir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade da poboación no horizonte de 2030. Co fin de fomentar tamén o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, ‘Muros que unen’ desenvólvese grazas ao convenio asinado entre o Concello e o Fondo Galego, que destina así 20.000 euros a realizar actividades de sensibilización fronte ás desigualdades, dentro dos obxectivos establecidos polo Goberno de Inés Rey de acadar unha cidade máis xusta e inclusiva.