Ademais da renovación da rede de saneamento na contorna, Infraestruturas levará a cabo unha reforma das beirarrúas e disporá un novo paso peonil en elevación co obxectivo de pacificar o tráfico rodado
O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, deu comezo aos traballos para mellorar a accesibilidade no paso peonil existente no cruzamento entre a rúa José Cornide e avenida de Alfonso Molina, no barrio do Ensanche.
Os traballos inclúen a renovación da rede de saneamento da rúa para adaptala aos novos estándares de seguridade marcados polo Concello neste ámbito, cunha actualización dos materiais ao pasar de gres a PVC, e coa ampliación do diámetro exterior dos colectores a modo de prevención para evitar as fugas.
A continuación, e co obxectivo de reforzar a seguridade peonil nun enclave que, ademais, é Zona 30, levarase a cabo unha intervención para remodelar integralmente o paso peonil en cuestión, para que pase a estar disposto en elevación, e contribúa así a pacificar o tráfico rodado na vía de entrada á rúa José Cornide.
En paralelo, Infraestruturas traballa xa na ampliación das beirarrúas en ambos os lados do acceso á rúa José Cornide desde a avenida Alfonso Molina, coa disposición dun novo pavimento de lastras na meirande parte da beirarrúa. Por outra banda, e concretamente no acceso ao paso peonil, disporase baldosa podotáctil, en relevo, para facilitar a orientación das persoas invidentes.
Por último executaranse traballos para incrementaren a superficie das zonas verdes próximas ao paso peonil, coa disposición dunha nova área axardinada onde se integrarán dous tileiros, no sector esquerdo da beirarrúa, así como un pequeno xardín no sector dereito, lindeiro á estrada con Alfonso Molina, e que fará de límite natural entre a beirarrúa e a propia avenida. A intervención enmárcase nas políticas postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para a mellora da seguridade peonil e da calidade urbana, que está a aplicar o Concello en todos os barrios da cidade.