Friday 22 de November de 2024

Os Concellos do Camiño Inglés participarán no congreso Fairway da man da Deputación da Coruña


O deputado de Economía, Antonio Leira, convidou aos municipios a “encher de contido” o stand da Deputación nesta feira e congreso sobre o Camiño que se celebrará en Santiago do 15 ao 18 de outubro

Os Concellos do Camiño Inglés participarán da man da Deputación Provincial da Coruña en Fairway, o primeiro fórum con feira e congreso sobre o Camiño de Santiago que se celebrará do 15 ao 18 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Unha iniciativa que lles foi presentada esta mañá no centro cultural de Sigüeiro (Oroso) a alcaldes e técnicos municipais dos concellos polos que discorre o Camiño Inglés polo deputado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior, Antonio Leira; polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás; pola codirectora de Fairway, Ana Trevisani, e por técnicas da Deputación herculina.

Leira Piñeiro convidou aos presentes “a encher de contido o espazo que a Deputación terá dentro de Fairway, que agardamos que serva de escaparate do Camiño Inglés e dos nosos municipios”, ao tempo que reivindicou que “municipios como Ares tamén teñen que formar parte deste percorrido”.

Implicación da Deputación

Pola súa banda, Manuel Mirás, agradeceu a colaboración da Deputación Provincial, especialmente de Antonio Leira e do deputado de Cultura, Turismo e Patrimonio histórico-artistico, Xose Regueira Varela (BNG). “Emocióname ver a implicación da Deputación Provincial neste proxecto, pois levo anos insistindo en que é o organismo que ten que liderar o Camiño Inglés pois é o único que discorre por unha única provincia”, lembrou o alcalde orosán.

Mirás Franqueira asegurou que “o Camiño Inglés é un diamante en bruto que temos que saber aproveitar. Ten cada vez máis peregrinos e é cada vez máis coñecido, polo que temos que unirnos e aunar esforzos para promovelo”. Para o alcalde de Oroso, o Camiño Inglés “é un escaparate marabilloso, só falta que os Concellos nos impliquemos”.

Finalmente, Ana Trevisani, codirectora de Fairway, solicitoulles aos representantes municipais que fixeran chegar a documentación esta mesma semana, para poder participar na feira e no workshop deste evento, que terá lugar na Cidade da Cultura do 15 ao 18 de outubro. Ademais, convidounos a dar a coñecer o congreso entre as empresas relacionadas co Camiño Xacobeo dos seus respectivos municipios.