― O plan, en servizo desde o día 15, mobiliza nesta provincia un dispositivo de 42 máquinas, entre camións, follas ou esparexedores de sal, para reforzar a seguridade viaria ante os episodios de xeo e neve
― Estes recursos, distribuídos en 8 centros operativos, permitirán atender os máis de 1.700 km de estradas autonómicas na provincia, especialmente nos tramos máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo
― A Xunta desenvolve ata o 30 de abril o Plan de vialidade invernal cun amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade
― No conxunto de Galicia, a Xunta conta con 26 centros operativos, 390 profesionais e 5.400 toneladas de fundentes para velar pola seguridade viaria
― O Goberno galego destina cada ano preto de 50 M€ a actuacións de conservación das vías autonómicas, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal
A Xunta activará este martes o Plan de vialidade invernal na provincia da Coruña, cun dispositivo de 128 profesionais e máis de 1.200 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.
Os 8 centros operativos e os medios distribuídos pola provincia para garantir a seguridade viaria nas estradas da Xunta ante as inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano permanecerán en servizo desde o 15 de novembro e ata o 30 de abril.
O plan tamén inclúe na provincia da Coruña un dispositivo de 42 máquinas, entre elas, camións, pick-ups, retros, ademais de cuñas, follas, esparexedores de sal ou estendedores de salmoira.
Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos máis de 1.700 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa. Dentro destes 1.700 km, prestarase especial atención aos treitos que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo.
O Goberno galego vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro e o 30 de abril, o Plan de vialidade invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade. Este plan xa está activo desde o pasado 1 de novembro nas estradas das provincias de Lugo e de Ourense.
No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 390 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas da Xunta, con 80 vehículos e máis de 100 accesorios a disposición. Ademais, mobilízanse preto de 5.400 toneladas de fundentes, 200 máis que o ano anterior.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.
O plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.
Ademais de recoller protocolos de actuación, o plan prevé unha especial vixilancia das estradas para detectar posibles incidencias; e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas estradas, de internet ou do teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT), ademais da difusión da situación nos medios de comunicación.
O Goberno galego destina cada ano un investimento de arredor de 50 millóns de euros a actuación de conservación das vías de titularidade autonómica, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal.
No seguinte plano amósase a situación dos medios dispoñibles no citado dispositivo na provincia da Coruña.