― A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no 30 aniversario da Asociación Íntegro
― Puxo en valor o traballo desta entidade e agradeceu o seu compromiso social e a defensa da igualdade de oportunidades
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe en Cabana de Bergantiños, na súa intervención no 30 aniversario da asociación Íntegro, que os orzamentos de 2023 do departamento autonómico reservan 44,5 millóns de euros para o Plan Emprega Discapacidade, co que a Xunta prevé formar e mellorar as oportunidades laborais de preto de 6.000 persoas.
Lorenzana detallou que Emprega Discapacidade inclúe ata sete programas con axudas para apoiar a creación e mantemento de emprego nas empresas de inserción e nos centros especiais de emprego; e apoios para a formación dual das persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental, entre outros.
No acto de celebración, a conselleira, ademais, puxo en valor o traballo que desenvolve Íntegro e agradeceu a defensa que desenvolve a favor da igualdade de oportunidades e o seu compromiso social. Explicou que ao longo de tres décadas, Íntegro leva traballando pola inclusión, a igualdade e a visibilidade das persoas con diversidade funcional, ofrecendo unha atención integral e adaptada ás necesidades de cada persoa usuaria. Entre os programas e servizos da asociación, Lorenzana destacou o labor do Centro Especial de Emprego Porvir Xestión Social, así como as accións de formación adaptadas e personalizadas para facilitar e apoiar o acceso ao emprego e lembrou que este ano Íntegro obtivo a Medalla Pardo Bazán coa que a Xunta recoñece accións relevantes que se desenvolven en Galicia.
Para rematar, sinalou que a Xunta comparte os valores que Íntegro promove para contribuír á dinamización do rural “camiñando cara a plena inclusión e conseguir unha Galicia máis inclusiva, máis xusta e máis integradora”.