· Con esta medida, o goberno local busca impulsar o consumo nos locais hostaleiros do municipio.
Impulsar o consumo no tecido hostaleiro e dar a coñecer a ampla oferta de Carral. Eses son os obxectivos que o goberno local se propón conseguir co lanzamento doutra edición do Concurso de Tapas. Baixo o nome Tapeando Carral, a iniciativa volve con case o dobre de establecementos hostaleiros participantes: pásase dos nove da pasada convocatoria aos 17 que concorrerán nesta terceira edición. Desde o goberno local confían en que a iniciativa “teña unha boa acollida e sirva como revulsivo para atraer a máis visitantes ao municipio, promovendo así o consumo nos establecementos e dándolle máis vida ao pobo”.
Nesta ocasión, o certame municipal contará coa participación dos seguintes locais das parroquias de Tabeaio, Sergude, Carral, Cañás e Beira: Boca Grande, Pizzería Centro, Bar Tropezón, Bar Adolfo, Taberna Siglo XXI, O Pincho, Bodega O Alprende, O Piolindo, Bar Roel, Lume e Ferro, A Rotonda, O Lareiras, Cervecería P3, O Caravel, O Betanceiro, A Parola e Costa da Egoa.
O concurso levarase a cabo entre o venres, 2 de decembro, e o domingo, día 4. Ao longo deses días, o público poderá degustar as tapas propostas entre as 12.30 e as 15.30 horas e as 20.00 e as 23.00 horas.
Como en anteriores edicións, haberá premios tanto para os locais participantes como para os propios comensais. Por unha banda, os establecementos poderán optar ao premio á Tapa Máis Popular (elixida polos propios clientes) e ao de Mellor Tapa (neste caso, será un xurado profesional o que outorgue o galardón). Pola outra, unha vez que o cliente acade un número mínimo de selos diferentes terá a posibilidade de facerse tamén con agasallos e recompensas. Neste caso, a persoa terá que cumprir o cupón cos diferentes selos e depositalo nas furnas que estarán situadas nos negocios. O sorteo terá lugar o luns, 12 de decembro, a partir das 9.00 horas. Nesta edición, concederase un primeiro, un segundo e un terceiro premio en función da porcentaxe de selos acadados pola persoa.
O concurso realízase en colaboración coas empresas Estrella Galicia, Grupo Bodegas Olarra e Exclusivas Rivas Suárez.