As actividades de voluntariado promovidas pola Consellería de Política Social e Xuventude terán recoñecemento académico mediante o sistema de créditos
A Xunta asinou convenios de colaboración coas Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para favorecer que os programas de voluntariado promovidos polo Goberno galego teñan recoñecemento académico mediante o sistema de créditos. O obxectivo é seguir enriquecendo o currículo académico do alumnado a través da formación transversal que achega, por exemplo, o voluntariado, que tamén é unha competencia clave para impulsar o futuro laboral da mocidade.
Grazas a este acordo, todo programa impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude en materia de voluntariado no que participen estudantes universitarios, e sempre e cando cumpran os requisitos mínimos de horas e así o soliciten, verán acreditadas ditas experiencias mediante o sistema de recoñecemento de créditos do sistema europeo de transferencia subscrito polas tres universidades galegas.
Neste sentido, a Administración autonómica e as institucións académicas comprométense ao recoñecemento das actividades de acción voluntaria mediante a emisión dos certificados de experiencias voluntarias, no caso da Consellería, e posterior acreditación dos créditos que lle correspondan, no caso da Universidade. Cómpre destacar que esta colaboración tamén axuda a complementar os programas propios de solidariedade e voluntariado que xa teñen en marcha as universidades galegas, algúns deles en cooperación coa propia Consellería de Política Social e Xuventude como é o caso de Correspondentes universitarios.
Con este convenio, o Executivo galego dá un paso máis no recoñecemento da acción voluntaria como unha boa experiencia de vida que habilita para achegarse á sociedade desde un punto de vista máis humano e solidario.