Friday 22 de November de 2024

A mellora dos albergues, a sinalización e a seguridade viaria constitúen as prioridades do Plan Director para o Camiño Francés


A directora de Turismo de Galicia presentou esta tarde o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago aos alcaldes da Mancomunidade do Camiño Francés

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo unha reunión cos alcaldes da Mancomunidade do Camiño Francés para presentarlles o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago.

Durante o encontro, a directora de Turismo de Galicia destacou que o Plan supón unha ferramenta de xestión para a Xunta de Galicia e para todos os axentes implicados na Ruta Xacobea. “Constitúe unha folla de ruta que marca as directrices para favorecer a conservación da esencia do Camiño na nosa comunidade autónoma, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo”, afirmou.

A responsable de Turismo da Xunta explicou aos representantes da Mancomunidade que o Plan Director do Camiño de Santiago constitúe un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico de Galicia.

Neste senso, Nava Castro resaltou que para a realización do Plan Director do Camiño procurouse a máxima participación dos axentes e sectores implicados sendo consultados un total de 170 organizacións e 220 persoas, representantes de Administracións Públicas, de asociacións de Amigos do Camiño, da Igrexa, turoperadores, hostaleiros e grupos de investigación sobre a cultura xacobea, entre outros.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que para a posta en marcha do Plan continuarase con esta aposta pola colaboración e coordinación público-privada e interadministrativa buscando involucrar a todos os axentes no desenvolvemento do mesmo.

Así, pediu aos alcaldes dos concellos galegos do Camiño Francés a súa colaboración para traballar de maneira coordinada e cun mesmo obxectivo: acadar no 2021 un Camiño de Santiago xestionado integralmente por todas as administracións e axentes implicados, hospitalario, sostible social, económica e medioambientalmente, protexido e conservado, que satisfaga as necesidades do peregrino e cumpra as súas expectativas, conectado globalmente e accesible, xerador de coñecemento e que internacionalmente a marca Galicia.

Nava Castro explicou que no marco da liña estratéxica centrada na coordinación e organización interadministrativa traballarase na análise do funcionamento da mancomunidade do Camiño Francés para elaborar propostas de mellora segundo as súas necesidades e identificar boas prácticas que poidan ser extrapoladas a novas mesas de traballo para as rutas que carecen de órgano coordinador.

Principais accións no Camiño Francés
Durante o encontro, a responsable de Turismo da Xunta presentou os diversos plans de acción que recolle o Plan Director para a mellora e o mantemento do Camiño Francés.

Nava Castro explicou que os primeiros pasos que levaranse a cabo no Camiño Francés, xa neste mesmo ano estarán centrados na mellora dos albergues, na sinalización e na seguridade viaria. Neste senso, sinalou as principais iniciativas que abordaranse neste 2015 destacando a renovación das cabinas de hospitaleiros de Triacastela, Calvor, Sarria, Barcadelo, Ferreiros, Palas de Rei, Casanova e Arta; a mellora da imaxe dos albergues de Calvor, Barbadelo, Palas e Arca; a realización dun plan de sinalización analizando as problemáticas da sinalización actual e acción que garantirán a seguridade viaria.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia referiuse a aqueles ámbitos nos que se concentran as accións recollidas no Plan Director para os próximos anos. Nesta liña, Nava Castro resaltou a actualización do Catálogo Patrimonial, o estudo e intervención d os recursos patrimoniais –especialmente os declarados BIC-, a xestión eficiente de residuos, o plan de Eficiencia Hídrica e Enerxética, a catalogación do Patrimonio Natural, o desenvolvemento do Smart Camiño, a rehabilitación dos núcleos de poboación ou o plan de asistencia sanitaria, entre outras iniciativas.

Máis de 148 mil peregrinos
Segundo os datos da Oficina do Peregrino, no que vai de ano recolleron a súa Compostela un total de 228.649 peregrinos, o que supón un aumento do 10,32% en relación ao mesmo período do pasado ano.

Destes peregrinos, preto de 148 mil -147.983- chegaron a Compostela polo Camiño Francés, o que supón o 64,72% do total de peregrinos rexistrados.