― Definirase o trazado de dous novos treitos de itinerario para dar continuidade á senda que se está a construír en Serantes, un cara a Laxe e outro cara a Castrelo, sumando máis de 1 km de lonxitude
― Vázquez Mourelle informa do avance na execución das sendas na antiga traza da AC-433, destinadas a conectar pola marxe esquerda os lugares do Rueiro e Castrelo, en Soesto, e pola dereita Serantes coa igrexa de Santa María e o cemiterio
― Lembra que os itinerarios que se están a habilitar suman 1,3 km de lonxitude e supoñen un investimento autonómico de 335.000€
― Destaca o investimento de 220.000 € na mellora do firme da estrada AC-434 ao seu paso polo municipio, cuxas obras se iniciaron esta mesma semana
― Adianta que a Xunta colaborará co concello para mellorar o sistema de depuración do municipio, contratando a redacción do proxecto da nova depuradora en Traba
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou o compromiso da Xunta de redactar o proxecto para dar continuidade á senda de Serantes, no concello de Laxe.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade trasladou este compromiso durante un encontro de traballo co rexedor, José Luis Pérez Añón, no que tiveron oportunidade de abordar distintos asuntos de interese para o municipio.
Segundo detallou a conselleira, o proxecto terá como obxectivo definir o trazado de dous novos treitos de itinerarios peonís para dar continuidade á senda de Serantes, actualmente en execución por parte da Xunta. Trátase, dixo, de definir a continuación desta senda de Serantes cara a Laxe e, polo outro lado, cara a Castrelo, sumando máis de 1 km de lonxitude.
Na actualidade a Xunta está a avanzar na construción das sendas na antiga traza da AC-433, que conectará pola marxe esquerda os lugares do Rueiro e Castrelo, en Soesto; e pola marxe dereita Serantes coa igrexa de Santa María e o cemiterio. Estes dous itinerarios suman 1,3 km de lonxitude e supoñen un investimento autonómico de 335.000 euros. A previsión é que poidan estar rematados a comezos de 2023, poñendo á disposición dos veciños de Laxe e dos visitantes dous novos itinerarios peonís que favorecerán desprazamentos máis seguros, limpos e saudables.
No encontro, a conselleira tamén referiu que esta mesma semana se iniciaron os traballos de mellora do firme na estrada autonómica AC-434 ao seu paso polo municipio. O obxectivo da intervención é rehabilitar o firme da estrada nun treito de case 2 km, garantindo desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios, ao mellorar as condicións da condución.
Confirmou, ademais, que a Xunta colaborará co Concello para mellorar o sistema de depuración do municipio, asumindo o compromiso de contratar a redacción do proxecto dunha nova depuradora en Traba.