Saturday 16 de November de 2024

A Xunta somete a información pública o proxecto do parque eólico Meirama


O prazo para presentar suxestións permanecerá aberto ata o 22 de decembro.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia terá en información pública ata o 22 de decembro a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do parque eólico Meirama.

Contempla a instalación de seis aeroxeneradores preto do límite entre os termos municipais da Laracha e de Cerceda cunha potencia máxima total de 21 MW. Catro deles están previstos na larachesa parroquia de Soandres, na zona coñecida como Monte da Cabra. Os núcleos de poboación máis próximos son A Ferradura e Silvoso.

O Concello da Laracha está a estudar a documentación para remitir as correspondentes achegas, suxestións e opinións durante o período de información pública.
Así mesmo, o persoal técnico do Concello da Laracha está a disposición da cidadanía para ofrecer a información oportuna sobre este proxecto de parque eólico e, de ser o caso, asesorar aos cidadáns que estimen oportuno presentar alegacións a título individual.

A documentación completa sobre proxecto do parque eólico Meirama está dispoñible nesta ligazón ao portal da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0242.html