Friday 22 de November de 2024

Carolina Castiñeiras Brandón encabezará a candidatura do BNG na Laracha por decisión unánime da militancia


Carolina Castiñeiras Brandón será a candidata do BNG á alcaldía da Laracha nas eleccións municipais do próximo ano. A militancia vén de avalar, de xeito unánime, o traballo que vén desenvolvendo dentro e fóra da corporación municipal, traballando pola mellora da calidade de vida da veciñanza da Laracha e loitando dende os ámbitos local e comarcal pola igualdade e polos dereitos das mulleres.

“Son concelleira do BNG e desenvolvo ese labor con intensidade e implicación. Agora asumo a responsabilidade de encabezar a candidatura do BNG nas vindeiras eleccións, ofrecendo un proxecto de concello que mude as políticas desenvolvidas polo PP nos últimos anos e beneficie realmente a nosa veciñanza”, expón.

Nun contexto positivo para o nacionalismo galego, Carolina Castiñeira asume cunha enorme ilusión o reto de liderar o avance do BNG na Laracha. Un reto no que contará co apoio incondicional do actual portavoz municipal e responsable local, Xoán Sande, que será unha das pezas fundamentais do equipo de traballo electoral. A candidata destacou o importante labor desenvolvido polo seu compañeiro, tanto a nivel municipal coma durante a súa etapa no goberno da Deputación da Coruña, e puxo en valor o seu compromiso para continuar co seu traballo na organización coa mesma intensidade.

Carolina Castiñeiras Brandón, veciña de Paiosaco, iniciou a súa actividade política como responsable de Muller en Galiza Nova, e dende aquela continúa a loitar dende diferentes ámbitos pola igualdade real entre homes e mulleres. Dende o ano 2007 é concelleira na Laracha. A nivel persoal desenvolve tamén un importante labor dende a xunta directiva de Asarga (Asociación de Sarcomas de Galicia) para dar visibilidade a ese tipo de cancro, pouco frecuente, co obxectivo de que se destinen máis fondos a investigalo.