O proxecto de ampliación do estadio aumentará a capacidade a 45.000 espectadores, o que permitirá acoller grandes eventos
O Concello da Coruña presentou formalmente esta semana a súa candidatura para ser unha das sedes españolas da candidatura das federacións de fútbol de España, Portugal e Ucraína para o próximo Mundial 2030. O Goberno de Inés Rey amosou un ambicioso proxecto de ampliación e mellora do estadio municipal de Riazor, que permitirá, ademais de acoller diferentes partidos desta cita, albergar grandes eventos.
“Deseñamos un proxecto ambicioso, que competirá cos mellores recintos deportivos e coas cidades máis importantes”, asegurou a alcaldesa, Inés Rey. O proxecto de ampliación de Riazor permitirá aumentar a súa capacidade a 45.000 espectadores, o que permitirá cumprir cos requisitos para albergar partidos desta competición.
“A Coruña está preparada para organizar eventos de primeira magnitude. Esa foi sempre a miña aposta e por iso pretendemos formar parte da organización dun dos eventos máis importantes do mundo, un evento que transformará a nosa cidade”, apuntou a rexedora. O custo da renovación do estadio de Riazor será duns 60 millóns de euros, que achegarán diferentes administracións, e non se descarta a colaboración público-privada para o seu financiamento.
O Concello da Coruña conta co apoio da Xunta de Galicia nesta candidatura. Ademais, manifestáronse tamén a favor de que a cidade sexa mundialista no 2030 outros municipios e cidades da área, como Santiago de Compostela ou Ferrol. “Non é só un proxecto de cidade, senón un proxecto da provincia e de toda Galicia”, sinalou Rey.
A ampliación do estadio de Riazor servirá tamén para que a cidade poida acoller grandes eventos de primeiro nivel mundial, non só de carácter deportivo, senón de outro tipo, como os musicais. Tal e como explicou a alcaldesa, “A Coruña terá capacidade para competir na organización de concertos de artistas e bandas do máis alto nivel internacional”. O Goberno municipal busca maximizar os usos dun recinto emblemático a nivel nacional e unha das imaxes máis icónicas da cidade.
Este proxecto segue a liña marcada por Inés Rey para impulsar A Coruña como a urbe de referencia do noroeste peninsular, capaz de albergar grandes eventos e recibir, deste xeito, un gran retorno económico que repercutirá directa e indirectamente na cidadanía.