No mes de agosto, Galicia incrementou os seus viaxeiros aloxados nun 5,4% e as pernoitas nun 4,9%, contabilizando máis de 829 mil viaxeiros e 2 millóns de pernoitas
No pasado mes de agosto Galicia rexistrou un máximo histórico na cifra de viaxeiros aloxados na comunidade ao rexistrar un total de 829.037, un 5,4% máis que no mesmo mes do ano anterior. Nunca antes se superara a barreira dos 800.000 viaxeiros no conxunto da oferta regrada de Galicia neste oitavo mes do ano.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, subiron tamén na nosa comunidade o pasado mes as pernoitas nun 4,9% en relación ao mes de agosto de 2014, contabilizándose máis de 2 millóns no conxunto de Galicia.
A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada aínda que nunha porcentaxe inferior á de Galicia, do 4,2% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,9% no que atinxe ás pernoitas.
O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional en Galicia subiu un 4,2% no que atinxe aos viaxeiros, con preto de 625.000 viaxeiros aloxados, un máximo histórico na nosa comunidade.
Pola súa parte, o mercado internacional acadou tamén neste oitavo mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con preto de 205.000, como de pernoitas, con máis de 365.000.
En agosto o 72,2% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 56,6%- como ás pensións –co 15,5% neste caso-. O 27,8% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 4,8% da demanda total-, aos cámpings –co 18%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 5% neste caso-.
O incremento da demanda produciuse en case todas as tipoloxías de aloxamento consideradas destacando o incremento de pernoitas rexistrado nos hoteis -que foi do 8,8%-, nos apartamentos turísticos -9,7%- e nos establecementos de turismo rural -11,3%-.
Grazas a este incremento, o segmento dos apartamentos turísticos marcaron neste mes de agosto máximos históricos de demanda con preto de 19.000 viaxeiros e 98.000 pernoitas.
O incremento da demanda levou consigo unha mellora dos niveis de ocupación, superando no caso dos hoteis en 5,3 puntos a cifra do pasado ano e nos apartamentos turísticos e nos establecementos de turismo rural en 4 puntos porcentuais.
Verán
No período estival deste ano 2015 –meses de xullo e agosto- Galicia rexistrou un incremento do 11,1% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con 1,5 millóns- e do 8,7% no que atinxe ás pernoitas –con máis de 3,5 millóns neste período-. Grazas a estas porcentaxes de crecemento Galicia acadou neste verán máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados como de pernoitas.
A nivel estatal, en termos de viaxeiros, Galicia rexistrou a segunda taxa máis elevada do conxunto do Estado.
O turismo nacional subiu un 7,9% -consecuencia do crecemento da cifra de viaxeiros españois aloxados en Galicia, do 9,6%- mentres que o internacional incrementouse nun 12,4% -motivado tamén pola suba da cifra de viaxeiros estranxeiros, do 15,7% neste caso-.
Estes resultados tan positivos levan a que o turismo nacional acada un máximo histórico en termos de viaxeiros, con máis de 1,1 millóns, e a cifra máis elevada dos últimos cinco anos en termos de pernoitas. Así mesmo, o turismo internacional acada neste verán máximo histórico de viaxeiros, con máis de 380.000, e de pernoitas, ao rexistrar 660.000.
O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas, con subas superiores ao 11% nos hoteis e nas pensións, e próximas ao 13% nos apartamentos turísticos e nos establecementos de turismo rural.
Acumulado do ano
Nos primeiros oito meses deste ano 2015 Galicia rexistrou tamén unha importante mellora dos seus niveis de demanda turística correspondente aos aloxamentos regrados, cun incremento do 12,4% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con máis de 3,2 millóns- e do 9,1% no que atinxe ás pernoitas –con preto de 6,7 millóns neste período-.
No ámbito estatal obsérvase igualmente unha mellora dos niveis de demanda. En concreto a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 5,9% mentres que as pernoitas incrementáronse un 3,9%. En termos de viaxeiros Galicia é o destino que lidera o crecemento a nivel estatal neste período de oito meses.
Polo que respecta aos distintos mercados turísticos, o turismo nacional, subiu un 8%, cun crecemento de viaxeiros do 10,5%, e o turismo internacional incrementouse nun 13,3% motivado pola suba da súa cifra de viaxeiros do 17,7%.
Estes resultados fixeron que o turismo nacional acadase a cifra máis elevada de viaxeiros dos últimos cinco anos –con máis de 2,35 millóns- e que o turismo internacional rexistrase un máximo histórico tanto de volume –con preto de 890.000 viaxeiros aloxados e 1,45 millóns de pernoitas- como de peso –representando o 27,4% dos viaxeiros e o 21,6% das noites-.
O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 9,5% mentres que no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 7,8%. Foron os apartamentos turísticos a modalidade que rexistrou o crecemento de maior intensidade que, cunha suba do 30% no seu volume de viaxeiros aloxados e do 16% nas pernoitas, acadaron máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados – con máis de 62 mil- como de pernoitas– con máis de 250 mil-.
Tamén o segmento do turismo rural acada un máximo histórico no acumulado destes primeiros oito meses do ano, con 133 mil viaxeiros aloxados no conxunto da comunidade.