Friday 22 de November de 2024

O Nobel de Química 2019, M. Stanley Whittingham, visitará Santiago de Compostela o vindeiro mércores, 16 de novembro de 2022, para asistir ao XXVI Encontro Galego Portugués de Química


O científico británico, pai da batería de ións de litio, impartirá a conferencia inaugural do encontro que se celebra do 16 ao 18 de novembro na Facultade de Química da USC, que este ano conmemora o seu centenario

O profesor M. Stanley Whittingham, premio Nobel de Química en 2019, acudirá o vindeiro mércores, 16 de novembro de 2022, ao XXVI Encontro Galego-Portugués de Química, que se celebrará na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na capital galega, que este ano celebra o centenario do seu nacemento. O científico británico e investigador da Universidade Estatal de Nova York M. Stanley Whittingham, que mereceu o Nobel de Química de 2019 polo desenvolvemento da batería de ións de litio, participará na XVI edición deste congreso internacional de química, organizado polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia (Colquiga) e a Asociación de Químicos de Galicia, ambas as institucións lideradas por Manuel Rodríguez Méndez, e pola Sociedade Portuguesa de Química.

O Nobel de Química 2019 será o encargado de impartir a Conferencia Plenaria de Apertura do XXVI Encontro Galego Portugués de Química, que terá lugar na aula Magna da Facultade de Química da USC, no Campus Vida en Santiago de Compostela. Ás 12.00 horas procederase á inauguración do encontro científico. O inicio da conferencia maxistral, que leva por título Almacenamento crítico de enerxía eléctrica e a súa influencia no cambio climático, está previsto para as 12.30 horas.

O XXVI Encontro Galego Portugués de Química, cita científico-química que comezou a súa andaina en 1985 e que é o primeiro que se celebra tras a pandemia da Covid19, desenvolverase do 16 ao 18 de novembro na Universidade de Santiago. O profesor británico M. Stanley Whittingham, nacido en Nottingham (Reino Unido) en 1941, compartiu en 2019 o Premio Nobel de Química co estadounidense Jhon B. Goodenough e co xaponés Akira Yoshino.

O científico que a próxima semana visitará Santiago de Compostela sentou as bases da batería de ións litio. E fíxoo nos anos 70, en plena crise do petróleo. O contexto internacional fixo que o profesor M. Stanley Whittingham traballase na investigación de novas tecnoloxías enerxéticas capaces de servir de substitución ás combustibles fósiles. As súas investigacións culminaron no desenvolvemento dunha batería de litio. “O resultado foi unha batería que tiña un gran potencial, un pouco máis de dous voltios”, lembrou a Real Academia de Ciencias Sueca cando lle concedeu o galardón en 2019. A institución sueca tamén apuntou que “as baterías de ións de litio revolucionaron as nosas vidas desde que chegaron ao mercado en 1991. Sentaron as bases dunha sociedade inalámbrica, libre de combustibles fósiles, e son de gran beneficio para a humanidade”.