Rexistran alegacións e unha batería de iniciativas no Parlamento e nos concellos de Ribeira e Illa de Arousa.
Os portavoces do BNG en Ribeira e na Illa de Arousa, Luís Pérez e David Mochales, a deputada Rosana Pérez e a concelleira Cruz Rivadulla presentaron hoxe publicamente as alegacións que rexistrou o BNG ante as pretensións da Consellaría de Medio Ambiente de querer restrinxir o acceso ao illote de Guidoiros Areoso, prohibir a pesca recreativa e o acceso á illa de Rúa, a Guidoiros Pedregoso.
Os nacionalistas cren que o documento presentado pola Consellaría de Medio Ambiente chega tarde, sen o debido consenso social que debería ter e sen medidas que permitan protexer os valores ambientais ao tempo que se permiten actividades respectuosas co medio natural.
Segundo a parlamentaria Rosana Pérez Fernández, “é evidente que hai que regular a afluencia de persoas que chegan a este territorio insular para preservar os valores naturais e culturais dos illotes, mais non pode facerse sen o consenso necesario entre os sectores afectados e a propia poboación”.
Fernández recrimina que tras décadas de inacción por parte da Xunta, a única solución que ofrece o Goberno galego para evitar o deterioro dos illotes pasa unicamente por “prohibir: prohiben o acceso aos illotes, a pesca recreativa, as regatas a vela, remo e nado, só establecen prohibicións sen contemplar un programa de investimentos que permitan facilitar a recuperación ambiental da zona”.
Pola súa banda, o portavoz da formación na Illa de Arousa, David Mochales, afirmou que se están establecendo unhas restricións que non teñen fundamento científico polo que reclamou que as cifras de visitantes diarios ou a prohibición da pesca ou acceso aos illotes debería estar fundamentada con informes e datos elaborados por profesionais que expliquen as motivacións que levan a adoptar esas medidas e establezan recomendacións”.
Retirada do documento, diálogo e revitalización da zona
O portavoz do BNG en Ribeira ten claro que, tanto a Illa de Rúa como os illotes Guidoiros, son un espazo de alto valor ambiental que deben preservar os seus valores naturais e culturais pero isto non é incompatíbel, asegura Pérez Barral, con actividades tradicionais e sustentábeis como a pesca recreativa.
Neste sentido, as alegacións formuladas polo BNG reclaman que a Xunta de Galiza retire o documento para establecer un diálogo coa comunidade científica que elabore un Plan de usos con espazos zonificados, haxa un estudo da realidade socioeconómica da zona, defina uns obxectivos de conservación, destine orzamento a evitar o deterioro dos illotes e permita as actividades respectuosas co medio natural.
Desde a organización nacionalista proponse que non se prohiba a pesca recreativa, as regatas de remo, vela ou nado por seren actividades todas elas sostíbeis e compatíbeis coa conservación desta zona da ría de Arousa. Por último, propoñen fomentar o ecoturismo, desestacionalizar as visitas e aprobar un programa de financeiro de investimentos que permitan recuperar espazos degradados e accións de educación ambiental para escolares e poboación xeral.