O investimento supera os 112.000 euros, cofinanciados nun 80% cunha axuda autonómica
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, visitou esta mañá o polígono do Vilar do Colo acompañado do enxeñeiro municipal, Manuel López, para inspeccionar o remate das obras de mellora dos accesos á área industrial, previo á sinatura da acta de recepción. O Concello destinou ao proxecto 112.410 euros co obxectivo de acondicionar as comunicacións interiores cos Casais e co cemiterio municipal, ademais de incrementar a sinalización e os pasos peonís na contorna da Rúa das Áncoras e volver aglomerar a rotonda que enlaza a VG-1.2 coa autoestrada AP-9. Da execución dos traballos encargouse a empresa Canarga Construcciones, como adxudicataria dunha actuación cofinanciada nun 80% cunha axuda da Consellaría de Economía, Industria e Innovación.
As obras, repartidas en tres zonas, centráronse, en primeiro lugar, no acondicionamento das comunicacións do polígono con núcleos de poboación próximos, como é o caso de Romariz, A Brea de Barallobre, a Pomba, A Loira, Ribeiroa, O Cocallo, Os Casais e outros distribuídos polas parroquias de Barallobre e Maniños, que son empregados habitualmente tanto por traballadoras e traballadores como por persoas usuarias dos servizos que se atopan no Vilar do Colo.
Neste sentido, o Concello aglomerou a pista que sobe ao polígono desde o cemiterio municipal e, ademais, tamén reparou do denominado “Acceso Oeste” que conecta a rotonda inferior do parque empresarial co cruzamento dos Casais, por onde transita diariamente boa parte do tráfico procedente da estrada da Armada e do CEIP Plurilingüe Os Casais.
Dentro do polígono, o proxecto xa finalizado ocupouse da sinalización horizontal e vertical de parte da Rúa das Áncoras así como da adaptación de tres pasos peonís -un deles na Rúa da Xesta- rebaixándolles a beirarrúa para cumprir coa normativa de accesibilidade. Por razóns normativas e de seguridade tamén se renovou o aglomerado da glorieta de acceso á vía rápida e á AP-9, coa particularidade de que o Concello de Cabanas asumirá unha pequena contía do investimento, posto que aproximadamente un cuarto da circunferencia da rotonda se encontra dentro do seu territorio.
Juventino Trigo asegurou esta mañá que o investimento suporá “unha importante mellora para as persoas usuarias desde o punto de vista da seguridade do tráfico e peonil”. O rexedor fenés tamén destacou a rapidez coa que se desenvolveron os traballos “co obxectivo de interromper o menos posible unha zona con tránsito especialmente intenso”.