― O xurado recoñeceu o valor das propostas presentadas nas que primaron as mensaxes de concienciación e prevención da violencia de xénero e de denuncia desta lacra
― A entrega dos premios escenificarase nun acto presidido pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade o 25 de novembro en Santiago de Compostela
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xa fallou os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado polo 25-N, día internacional contra a violencia de xénero. As propostas individuais e colectivas deste ano destacaron pola súa orixinalidade e reflexión acerca dunha lacra que, tal e como se trasluciu nos traballos, adquire novas caras. Escolares de Lugo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Cee (A Coruña) resultaron primeiros nas diferentes categorías.
No certame foi gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica -para 5º e 6º de educación primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e educación especial- un alumno do IES Ánxel Fole de Lugo polo seu traballo Non sexas o seu xoguete. O segundo posto correspodeu ao cartel Sempre hai portas por abrir doutro estudante que, igual que o anterior, cursa 1º de ESO, neste caso no Colexio Santo Ángel de Ourense.
Na modalidade audiovisual desta mesma categoría, o xurado valorou como mellor traballo Entendes ou non, a proposta de oito mozas e mozos do CEIP Mestre Martínez Alonso de Pontevedra. Foi segundo o CIFP Pintor Antonio Fernández, tamén de Pontevedra, por Trata como queiras que che traten!!
Na 2ª categoría -dirixida a 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP básica e de ciclos de grao medio e superior- o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica foi para un grupo de 1º de Bacharelato do IES de Sar, de Santiago de Compostela, pola súa proposta O amor non morde. Concedéronse tamén un segundo premio, a un equipo de 2º de Bacharelato do IES Salvaterra de Miño (Pontevedra), polo traballo Abre os ollos, están matando mulleres; e un accésit ao cartel do CIFP Leixa de Ferrol, co título: A violencia non che dá poder.
Na modalidade audiovisual destes cursos, os recoñecementos foron para dúas equipas. O primeiro para Control virtual, violencia real, a proposta do ciclo medio de xestión administrativa do IES Fernando Blanco de Cee (A Coruña). A plata foi para Non cales. Fala, montaxe realizada por 1º de Bacharelato do IES Monte Castelo de Burela (Lugo).
O xurado estivo integrado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. Recoñeceu a calidade técnica e creativa das propostas da presente convocatoria e tivo en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación desta aos obxectivos que se promoven de prevención, detección precoz e intervención fronte á lacra.
Con esta iniciativa, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en valor a reflexión sobre esta lacra realizada no eido escolar co foco posto na prevención, na detección precoz, na intervención e no recoñecemento das novas violencias.
A entrega de premios farase coincidir este ano coa conmemoración, o 25-N, do día internacional contra a violencia de xénero. Todos os galardoados, ben a título individual como colectivo, recibirán cheques regalo para investir no comercio local e os centros representados, cadanseus lotes de libros.