Veciños e veciñas de Dorneda participaron na asemblea celebrada na Casa do pobo para escoller aos candidatos da parroquia para a lista electoral de Alternativa dos Veciños. María José Varela Neira, José Manuel Caridad Freire e Juan Fernández Barreiro foron os candidatos elixidos.
O representante local na executiva, José Luis Viñal, presentou á asemblea aos tres candidatos escollidos, que foron propostos previamente pola comisión de seguimento da localidade. O presidente Ángel García Seoane destacou a valía das 3 persoas escollidas en Dorneda e a importancia do proceso singular de selección de candidatos, totalmente democrático e lexitimado pola elevada participación veciñal.
María José Varela Neira (Dorneda, 1958) é concelleira desde o ano 1995. Conta cunha ampla traxectoria profesional na xestión empresarial, no INE e no propio Concello de Oleiros. Actualmente é a primeira tenente de alcalde e é a responsable das áreas de Interior, Seguridade Cidadá, Economía, Facenda e Urbanismo. Ademais, desde sempre estivo vencellada ao movemento veciñal participando na Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva de Dorneda e na ANPA do Colexio Luis Seoane.
José Manuel Caridad Freire (Dorneda, 1967) é electricista de profesión. Desde moi novo formou parte do movemento social na directiva da Asociación O Castelo de Breixo e na Comisión de festas de Breixo.
Juan Fernández Barreiro (A Coruña, 1988) é Graduado en Náutica e Transporte Marítimo e conta con estudos universitarios de Arquitectura de Interiores. Foi socorrista acuático no servizo de Salvamento e Socorrismo do Concello de Oleiros en sete tempadas de verán, exercendo de Supervisor do mesmo durante a derradeira. Formou parte da Xunta Directiva do Santa Cruz C.F. durante 9 anos co cargo de Tesoureiro. Actualmente estase a preparar para o acceso a función pública na Axencia Tributaria.