Sunday 24 de November de 2024

“Polos fíos da memoria” e “Mulleres da Galicia máxica”, referentes culturais en San Sadurniño este venres e sábado


O arranque da fin de semana vén protagonizado en San Sadurniño por unha presentación literaria e un magosto. A primeira das citas vai ter lugar este venres na galería da Casa do Concello ás 19:30h coa presentación do poemario “Polos fíos da memoria” de Matilde Castro. O libro recolle o recordo sobre a Guerra Civil que lle transmitiu a súa nai, que logo a autora converteu en versos descarnados sobre un tempo de incertezas, medos e represión. A segunda cita é o xantar e magosto popular que se celebra o sábado a partir das 14:00h no local social de Lamas. Quen acuda ao evento, ademais de gozar dun bo xantar, tamén poderá percorrer en primicia a mostra fotográfica itinerante “Mulleres da Galicia máxica” promovida polas áreas de Cultura e Igualdade para homenaxear ás mulleres do rural.

Matilde Castro avanzounos hoxe algo en Radio Fene sobre o contido do seu poemario. É un libriño de 36 páxinas editado pola Editorial O Bidueiro que parte das lembranzas recollidas da súa nai sobre aqueles anos “en que se viviron moitas traxedias”. Un tempo que, 80 anos despois, se reconstrúe entretecido con eses fíos da memoria dos que ela mesma tirou á mantenta: “tiña claro que pagaba a pena preguntar e saber todo o que pasou”, comentou na entrevista que lle fixeron na emisora.

A obra é resultado, ademais, da participación de Castro nun obradoiro de escritura que se organizou en Fene, onde ela foi membro durante anos da directiva do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene e unha das principais impulsoras da transformación do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, hoxe un dos máis prestixiosos de Galicia.

“Polos fíos da memoria” preséntase este venres 11 de novembro ás 19:30h na Galería da Casa do Concello. Matilde Castro estará acompañada no acto por Mariola Hermida, tamén poeta e con raíces en San Sadurniño, quen publicou recentemente a obra “Onde nacen os pexegueiros”.

“Mulleres da Galicia máxica”
O sábado a partir das 14:00h a actividade trasládase a Lamas. Alí a asociación veciñal da parroquia organiza un xantar e un magosto popular con menú a base de xamón cocido, chourizos e patacas, ademais de castañas asadas, sobremesa, café e bebidas. O prezo é de 15€ para persoas socias da entidade e de 18€ para non socias. Para reservar débese chamar ao 618 838 760 ou ao 664 203 738.

Alén da propia celebración do magosto, que xa é de por si un evento moi vencellado ao noso patrimonio inmaterial, a cita permitiranos percorrer por primeira vez a exposición “Mulleres da Galicia máxica” composta por 17 fotografías protagonizadas por cerca de 130 mulleres de San Sadurniño. As artífices da idea foron a titular de Cultura, Amparo Calvo, e a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, quen ademais tomou as instantáneas.

Nas imaxes aparecen mulleres de todas as idades e de todos os lugares de San Sadurniño retratadas en grupo en “espazos máxicos” do territorio, xa sexa pola súa beleza ou por ser pouco coñecidos, convertidos neste caso en escenario para plasmar en imaxes a sororidade ancestral e o poder das mulleres da aldea e fachendosas de ser da aldea.

A exposición percorrerá todas as parroquias do concello durante as próximas semanas, incorporando un obradoiro distinto en cada unha delas. En Lamas botará até o día 20 de novembro e o taller correspondente está fixado para a véspera, o sábado 19 entre as 16:00 e as 20:00h. Isabel Martínez ensinará como envolver agasallos para o Nadal dunha maneira creativa. A actividade é para un grupo máximo de 10 persoas de 16 anos en diante e para anotarse hai que chamar ao 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

A seguinte parada de “Mulleres da Galicia máxica” será en Naraío entre o 1 e o 10 de decembro. O último día da exposición tamén haberá un curioso obradoiro, tamén con inscrición previa, no que se aprenderán a facer farois con bimbios e candeas.

A exposición descansará durante o Nadal e reemprenderá percorrido a primeiros de xaneiro en Bardaos, seguindo logo polas demais parroquias do noso territorio.