Friday 22 de November de 2024

Un total de 11 empresas da Área de Santiago do sector agroalimentario recibirán máis de 4M€ en axudas para a tranformación e comercialización de productos agrarios


— O delegado da Xunta e a alcaldesa visitaron a empresa Lácteos Ferrado Verde, unha das beneficiarias con máis de 100.000 euros para levar a cabo a renovación tecnolóxica das súas instalacións

— O seu obxectivo principal é crear novas industrias agroalimentarias, así como mellorar as xa existentes

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Santa Comba, María Pose, e polo xefe territorial da Consellería do Medio Rural, José Manuel Santos Maneiro, visitaron a empresa Lácteos Ferrado Verde, unha das beneficiarias con máis de 100.000 euros da orde de axudas para levar a cabo investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas repartirán entre 11 empresas da área de Santiago máis de 4 millóns de euros que mobilizarán en investimentos nesta área máis de 11 millóns de euros.

Así, esta orde de axudas busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistiron en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistiron en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

Para iso, foron suxeito de subvención actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén, estas achegas sufragarán a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

Ademais, como novidade, deuse prioridade ás asociacións de produtores que se uniron para levar investimentos en común. Deste xeito, concedéuselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.