Máis de 80 especialistas de distintos países presentan na cidade as tendencias en marcos de traballo áxiles
A Coruña é destino MICE con congresos como a Conferencia Agile Spain, que se celebra hoxe e mañá en Palexco
Máis de 80 especialistas de distintos países explican na Coruña as novas tendencias en liderado, xestión do traballo e metas laborais no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco). Proceden do ámbito da formación, o coaching, a organización de equipos ou a innovación, con anos de experiencia nos seus respectivos traballos, liderando os cambios na organización do traballo de acordo aos novos retos no mercado laboral. Esta mañá inaugurouse a Conferencia Agile Spain, con público de distintos ámbitos profesionais, e na que participa o Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos. Ao longo de hoxe e mañá os especialistas impartirán charlas e haberá workshops e encontros de grupos por áreas de coñecemento.
Enxeñería, tecnoloxía, dixitalización, administración de empresas, finanzas, matemáticas ou recursos humanos son as áreas de coñecemento dos expertos que se reúnen estes días na Coruña, no evento que organiza desde 2010 a “comunidade agile española”.
A Conferencia Agile Spain (CAS) é un punto de encontro entre profesionais do sector onde se comparten experiencias sobre os marcos de traballo áxiles. Destacadas figuras como Abraham Diaz (Accenture), Anxo Galán Carretero (Estratecno), Anxo Díaz-Maroto (Mentor e coach), Anna Murcia Balaguer (AGBAR), Anna Mialet (CaixaBank), Aritz Suescun (Biko), Diego Vermellas (Thinking with you), Eduardo Salvador (Vueling), Enrique da Cruz (NTTData), Estefanía Montero (Kelea), Manuel Pais (co-autor de “Team Topologies”), Mauricio Contrera (Certainly) ou Bas Vodde (co-creador do LeSS) comparten o seu coñecemento na Coruña no marco desta conferencia.
Destino MICE
A Coruña é destino MICE, ocupando un lugar destacado para este tipo de eventos no norte de España. A cidade conta coas infraestruturas necesarias e unha gran experiencia en organización de congresos, un lugar idóneo para celebrar encontros como a Conferencia Agile Spain (CAS), con expertos de ámbito nacional e internacional.
Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.