Constará de cinco sesións sobre optimización de menús, take away, delivery, atención ao cliente online e conservación de produtos
Concellaría de Innovación, Formación e Emprego porá en marcha este mes un programa de formación específico para a hostalaría coa intención de que poida afrontar nas mellores condicións os retos que ten por diante o sector. Con esa intención contaremos con tres grandes profesionais como Miguel Silvarredonda, colaborador en departamento de I+D en empresas alimentarias e docente de cociña; Alberto Falcón, experto en marketing, comunicación e formación, e Javi Mos, profesional cunha longa traxectoria en comunicación e marketing.
O programa formativo é o seguinte:
21 de novembro: Escandallo e optimización de menús.
Para todos aqueles establecementos que ofrecen comidas ou tapas é de grande interese saber o desperdicio que teñen certos produtos e incluso certos cortes ou preparacións. O obxectivo desta formación é aprender a facer un bo escandallo dos produtos dun prato, aplicando nel todos os custes necesarios tanto de produto como doutros derivados. Imparte Miguel Silvarredonda.
22 de novembro: Atención ao cliente online e whatsapp business
Nestes novos tempos é tan importante a boa atención presencial como a atención por medio de medios tecnolóxicos, e por iso nesta formación daranse a coñecer as ferramentas máis axeitadas para acadar ese obxectivo: Whatsapp, Messenger, E-mail marketing… Como usalas, tempos de resposta, solución de crises, e ademais atención nas redes sociais. Imparte Alberto Falcón.
28 de novembro: Conservación de produtos
Nos últimos anos saíron ao mercado novas tecnoloxías en materia de conservación, sobre todo en canto a envasado ao baleiro e os novos gases de conservación, sistemas de grande interese para mellorar a almacenaxe do produto e mesmo da chamada quinta gama. Imparte Miguel Silvarredonda.
29 de novembro: Como prepararnos para o delivey
O mundo do take away, da comercialización por redes sociais e todas as canles de comunicación ligadas ao delivery teñen nestes momentos moita importancia para os establecementos hostaleiros e outros negocios que poden servir produtos para levar. Nesta proposta formativa queremos dar resposta a todas as dúbidas que poida ter un profesional á hora de abordar este importante paso a dar. Imparte Javi Mos.
12 de decembro: Envases para take away
O take away ou comida para levar é un sector que está a sufrir grandes cambios nos últimos tempos e que vai experimentar aínda máis no futuro, xa que as novas normativas de residuos cero obrigarán a que os sobrantes das comidas se poidan levar para casa en boas condicións, así como á eliminación dos envases de plástico e os non reutilizables.
Todas as accións formativas impartiranse nas instalacións do Fórum Carballo, de 17.00 a 19.00 horas. A participación é gratuíta, e os/as profesionais do sector da hostalaría interesados/as en participar poden inscribirse a través do formulario electrónico que atoparedes en www.carballo.gal. Para información adicional e tamén para inscricións está dispoñible ademais o correo electrónico academiadeturismo@sihaho.com.