Friday 22 de November de 2024

Camariñas honra aos náufragos do Serpent co descubrimento dunha placa cos seus nomes


· Sandra Insua, Encarna Liñeiro e Begoña Tajes achegáronse ao Cemiterio dos Ingleses, no día no que se cumpren 132 anos do afundimento do navío inglés, para realizar a tradicional ofrenda floral.

· Encarna Liñeiro explicou que “o obxectivo é que a historia non os esqueza” e adiantou que “agardamos colocar unha placa cos nomes dos náufragos do Trinacria e do Iris”.

O Concello de Camariñas descubriu hoxe, xoves 10 de novembro, día no que se conmemoran 132 anos do naufraxio máis importante da Costa da Morte, o do torpedeiro ‘HMS Serpent’ que naufragou na Punta do Boi, unha placa no Cemiterio dos Ingleses cos nomes de todos os mariñeiros falecidos nesta traxedia.

A placa descubriuse durante a tradicional ofrenda do Concello, que levaron a cabo alcaldesa, Sandra Insua, e as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes. Alí, Encarna Liñeiro explicou que “o obxectivo é que a historia non os esqueza” e adiantou que “agardamos colocar pronto tamén unha placa cos nomes dos náufragos do Trinacria e do Iris, pois os corpos dos falecidos neses naufraxios foron tamén soterrados neste cemiterio”.

Este cemiterio, que ten un alto valor histórico, tamén supón unha visita obrigada para as persoas que visitan Camariñas e a Costa da Morte xa que forma parte da ‘European Cemiteries Tour’, unha ruta cultural europea.