— O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde, Javier Gestal, presentan o libro
— A recompilación reúne poemas dos libros premiados así como pezas inéditas dos 23 poetas galardoados desde 1997
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde de Carral, Javier Gestal, presentaron esta mañá en rolda de prensa no compostelán Pazo de San Roque a publicación Constelación de voces. 25 anos do Premio de Poesía Concello de Carral, editado por Espiral Maior no marco das celebracións polo 25 aniversario deste certame poético que impulsa o concello coruñés co apoio da Xunta de Galicia
O representante autonómico destacou que o Goberno galego “se sente parte do éxito dun premio co que sempre colaborou e que chega ás súas vodas de prata convertido nun referente que axuda a manter o alto nivel da lírica en lingua galega”. Tamén indicou que para a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades “é moi importante a colaboración cos concellos, que son as administracións que teñen un contacto máis directo coa cidadanía, na promoción da lingua galega en todos os ámbitos e en todos os soportes e para iso creamos a Rede de Dinamización Lingüística, da que Carral forma parte”.
Escolma e poemas inéditos
Constelación de voces. 25 anos do Premio de Poesía Concello de Carral é unha escolma dos libros premiados durante o cuarto de século que leva vixente o certame homónimo, pero tamén de poemas inéditos ate o momento. En total, o libro recolle pezas de 23 autores diferentes, xa que dous deles, Xurxo Alonso e Xosé Luís Mosquera Camba, foron galardoados en dúas ocasións, creando como resultado unha panorámica da produción poética desde finais do século pasado ata a actualidade.
A edición, coordinada pola profesora e especialista en poesía galega contemporánea Teresa Seara e polo técnico de Cultura de Carral e coordinador do premio, Carlos Lorenzo, é unha máis das iniciativas que o dito concello impulsa no marco das celebracións polo 25 aniversario do Premio de Poesía Concello de Carral, entre as que tamén destacan un certame escolar, obradoiros de poesía, conversas cos poetas premiados, homenaxes nas rúas ou mesmo unha exposición sobre os galardoados e galardoadas durante estes anos.
Desde o seu nacemento en 1997, este premio poético recibiu máis de 1000 obras, 56 das cales se presentaron na última edición. Ademais, as 25 gañadoras foron publicadas na colección de poesía de Edicións Espiral Maior co apoio da Xunta de Galicia, que colabora co certame desde hai 10 anos impulsando a proxección pública da obra de autores ata o momento máis descoñecidos como Eduardo Estévez, Lucía Novás, Baldo Ramos, Marcos Calveiro ou Eli Ríos, así como contribuíndo á consagración definitiva de outros nomes como Miro Villar, Xurxo Alonso, Rafael Lema, Isidro Novo ou Eva Veiga.