Friday 22 de November de 2024

Inícianse as obras de mellora do acceso ao parque empresarial de Merelle


Nestes últimos días procedeuse co sobreancheado do vial e co fresado da zona

Nestes últimos días estase a proceder coas obras de mellora do acceso ao polígono empresarial de Merelle no concello de Ordes, no enlace coa N-550 e o inicio da estrada de Ordes a Cerceda por Mercurín. Trátase dun tramo de 500 metros de lonxitude, no que o pasado sábado xa se levaron a cabo labores de sobreancheado, para continuar co fresado.

Trátase dunha intervención moi demandada, tanto polos veciños e veciñas da zona como polos traballadores e transportistas. Aínda que o orzamento inicial está cifrado en 90.000€ as xestións e negociacións realizadas pola Concellería de Obras e Infraestruturas supuxeron unha redución dun 10% sobre este prezo inicial (80.0000€). Unha cantidade subvencionada nun 80% pola Consellería de Economía e Industria a través das axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas de parques empresariais.

Mediante a aplicación de conglomerado e a reposición de firme nas zonas de saneo, ademais do posterior repintado, conseguirase arranxar o estado de deterioración que presenta, cun importante desgaste estrutural e superficial que diminúe considerablemente a seguridade viaria. Unha situación moi deficiente ocasionada na súa maior parte polo continuo tránsito dos vehículos pesados que se dirixen á planta de SOGAMA. Toda esta serie de medidas foron ratificadas na acta de trazado de planta tras a xuntanza mantida onte entre a concelleira de Obras e Infraestruturas, Beatriz Martínez, e os responsables da empresa que levarán a cabo as obras, que nestes últimos días xa comezaron coa limpeza das cunetas.