O Concello da Pobra do Caramiñal continúa reforzando a compostaxe doméstica no municipio co repartimento de 30 novos colectores proporcionados por Sogama. Trátase da cuarta campaña na que está inmersa a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), para fomenta-la sustentabilidade na xestión da materia orgánica na orixe e que se traduciu xa na distribución de 160 unidades en vivendas unifamiliares do termo municipal.
Aínda quedan composteiros dispoñibles, polo que as persoas que desexen participar deben formaliza-la súa solicitude a través do rexistro, preferiblemente o telemático. Entre os requisitos figuran: vivir de forma habitual no concello da Pobra do Caramiñal; dispor dun terreo (xardín, horta) cunha superficie mínima de 25 metros cadrados; e permitir o seguimento da compostaxe durante o 2023 por persoal acreditado de Urbaser.
O acto de entrega terá lugar no 18 de novembro, ás 20.30 horas, no teatro cine Elma. Ofrecerase unha charla formativa e tamén se subministrarán ferramentas auxiliares por parte da Administración local como, por exemplo, un aireador e unha pequena guía básica de compostaxe.