Friday 22 de November de 2024

A XV Festa da esfolla e a presentación do libro “Moeche na memoria”, citas obrigadas para esta fin de semana en Moeche


As asociacións veciñais de Labacengos e do Val de Moeche programaron para este sábado e domingo, respectivamente, dúas citas de asistencia inescusable que en ambos casos teñen moito que ver coa preservación do noso patrimonio cultural e inmaterial. Así, o sábado 12 o local social do Ventoeiro, sede da AVV de Labacengos, acollerá a 15ª edición da tradicional Festa da esfolla, que arrancará ás 14:30h co xantar e que continuará despois da sobremesa coa propia esfolla e outras propostas. Ao día seguinte, o domingo 12, a actividade trasládase ao castelo de Moeche, onde a AVV Val de Moeche presentará a obra colectiva “Moeche na memoria”, na que se recuperan, a través dos recordos da veciñanza, boa parte dos fitos e protagonistas do século XX.

Vaiamos por orde empezando pola XV Festa da esfolla que terá lugar no Ventoeiro. O programa iniciarase a iso das 14:30h cun xantar popular composto por empanada, callos, pan, viño, auga e refrescos, ademais de sobremesa con roscón de tona ou crema, café de pota e un licor. Os prezos son realmente populares: 13 euros persoas socias e 16 as non socias da entidade, mentres que a rapazada até os 12 anos poderá xantar de balde. O prazo para reservar finaliza este xoves 10 de novembro chamando ao teléfono 606 729 038.

Despois de gozar do xantar e da parola comezará a actividade que é razón de ser da festa: a tradicional esfolla do maínzo acompañada nesta edición das pezas tradicionais de André e Alexandre ao acordeón e a gaita. O empezo da esfolla está posto para as 17:00h e é aberto ao público, que tamén poderá participar nese traballo case desaparecido de despoxar as mazarocas da súa envoltura (a plana, que antano se aproveitaba para encher colchóns, entre outros usos), deixándolles no cú do carozo as follas estritamente necesarias para poder enrestralas e penduralas no hórreo ou na cabana.

Era costume que todas as persoas participantes nas esfollas fixesen máis levadeira a tarefa botando contos e cantigas e, sobre todo, afanándose en atopar o “rei”, que non é máis que unha mazaroca de cor vermella escura. A AVV de Labacengos pretende manter vivo ese espírito de reforzo comunitario e, de feito, mesmo anuncia premios para a rapazada e as persoas adultas que esfollen os reis.

Ademais, quen se achegue polo local social do Ventoeiro tamén poderá gozar das tallas, mobles e outras creacións en madeira que exporán Pepe e Suso López, veciños do lugar de Chao.

Moeche na memoria
Outra tradición asociada ás esfollas eran as loitas entre mozos ou mozas por ver quen era capaz de deitar o/a contrincante na alfombra de plana que quedaba trala esfolla. Como aquela vez en que Soledad de Raña -muller fornida e dominadora da disciplina- foi derrubada contra todo prognóstico pola súa cuñada, Soledad Campos, con menos corpo pero grande loitadora grazas á forza e destreza adquirida no seu traballo como canteira e subministradora de xabóns de marcar chapa para a industria naval da ría.

Quen conta o episodio, que non acabou mal, é Carlos Castro Loureiro, neto da vencedora, nun dos capítulos que compoñen a obra “Moeche na memoria”, editada pola Asociación veciñal Val de Moeche. O libro, de 140 páxinas, recolle testemuños, historias, vivencias, contos, artigos etnográficos e fotografías (recentes e antigas) que compoñen un documento de valor incalculable por causa do seu contido e por tratarse dunha obra colaborativa feita con achegas de cerca dunha vintena de veciñas e veciños, ademais doutras persoas colaboradoras.

“Moeche na memoria” presentarase o domingo ás 12:00h no patio de armas do castelo de Moeche con entrada libre. No acto intervirán María Painceiras Pita, presidenta da AVV, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e Xaquín Ros Rodal, membro da asociación e coordinador da edición.