Friday 22 de November de 2024

O VII Festimaxia Lousame 2022 incluirá catro actuacións, dous obradoiros e unha exposición de carteis antigos de maxia


A participación é totalmente de balde, previa inscrición en www.bandoticket.com

A concelleira de Cultura de Lousame, Silvia Agrafojo, e os técnicos de Cultura lousamiás, Eduardo Agraso e Teresa Baluja, presentaron esta mañá a sétima edición do Festimaxia Lousame 2022, que terá lugar na Casa da Cultura de Lousame durante este mes de novembro. Silvia Agrafojo felicitou aos técnicos do Departamento de Cultura por “unha programación moi interesante e variada, con magos de renome que farán desfrutar ás familias de Lousame”. Todas as actuacións serán de acceso gratuíto, ás 18:00 horas e previa reserva de entrada en bandoticket.com.

Sobre o escenario lousamiá actuarán dous magos galegos, Teto e Vituco, e outros dous de fora da comunidade, Patri Zenner e Víctor Cerro. “Buscamos unha diversidade para atopar espectáculos de maxia moi diferentes entre si pero dirixidos a un público familiar. Así, o Mago Teto, que case é o mago residente do Festimaxia de Lousame, porá en escena unha maxia moi teatralizada, mentres que Víctor Cerro fará un exercicio de mentalismo, Patri Zenner vinculará a súa actuación á natureza e o Mago Vituco presentará unha espectáculo de animación e participación do público”, explicou Eduardo Agraso.

Actuacións

O Mago Teto será o encargado de poñer en marcha este festival este sábado 12 de novembro con “O afiador”, un espectáculo que xira en torno a unha roda de afiar dos anos 30 herdada polo mago dos seus devanceiros. Para os efectos de maxia deste espectáculo empréganse elementos típicos dos afiadores como poden ser coitelos, tesoiras, navallas e paraugas.

O propio Mago Teto impartirá o primeiro dos dous obradoiros do Festimaxia Lousame 2022. Un taller de iniciación ao mundo do ilusionismo dirixido a nenos e nenas de máis de 8 anos e que terá lugar o venres 18 de novembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame. Uns obradoiros que tiveron moi boa acollida na pasada edición e que este ano complementaranse cun taller de igualdade e a proxección do vídeo “Cultura para todos” da Deputación da Coruña. Así mesmo, a sala de exposicións da Casa a Cultura acollerá durante o mes de novembro unha mostra de carteis antigos de maxia, composto por sesenta carteis de antigos espectáculos achegados polo Mago Teto.

En canto ao resto das actuacións, o sábado 19 de novembro, tomará o relevo o mago Víctor Cerro, que presentará un espectáculo de mentalismo. O domingo 20 de novembro será a quenda da maga Patri Zenner, coñecida a nivel nacional como “a maga da natureza”; mentres que o Mago Vituco pechará a programación o domingo 27 de novembro.

Eduardo Agraso explicou que “en todas as edicións do Festimaxia vémonos sobrepasados polo aforo, limitado ás 90 cadeiras do auditorio”, se ben explicou que “valoramos a posibilidade de facer un segundo pase o mesmo día pero houbo que descartalo porque os magos precisan de cando menos 2 horas para a montaxe de cada espectáculo”.

A sétima edición do Festimaxia Lousame 2021 está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña. A entrada é de balde, se ben haberá que reservar entrada en www.bandoticket.com.