— Resalta os acordos asinados coas tres universidades galegas para desenvolver accións de I+D+i por valor de 17,4 M€ para este 2022
— Permitirán fortalecer as infraestruturas científicas e o equipamento tecnolóxico da actividade investigadora universitaria
— Pon en valor o papel das institucións académicas galegas para “formar, acoller e estimular” o talento investigador
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta da Xunta pola investigación galega para que se consolide como referente na elite do coñecemento. Durante un acto en Vigo cos reitores das universidades de Coruña e Vigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa; e o vicerreitor de Política Científica de Santiago, Vicente Pérez, Rueda puxo como exemplo dese compromiso os convenios xa asinados coas tres universidades galegas para desenvolver accións de I+D+i.
Rueda subliñou que os acordos, por valor de 17,4 millóns de euros para este 2022, permitirán fortalecer as infraestruturas científicas e o equipamento tecnolóxico da actividade investigadora universitaria, e puxo en valor o papel das institucións académicas galegas para “formar, acoller e estimular” o talento investigador. O presidente do Goberno galego advertiu sobre a necesidade de que ese “valor engadido” permaneza no territorio e animou ás universidades a seguir traballando de forma conxunta para sumar en beneficio de Galicia, tomando exemplo do consenso acadado para a candidatura da Axencia de Intelixencia Artificial.
No caso da Universidade de Santiago de Compostela, o convenio asinado ascende a 5,5 millóns de euros que permitirán, por exemplo, mellorar as infraestruturas para novos graos como Robótica, Bioquímica ou Intelixencia Artificial, a renovación de espazos de investigación ou accións específicas de apoio ao talento.
Co reitor da Universidade da Coruña asinouse unha addenda por valor de algo máis de 3 millóns que se suma a outro convenio firmado neste ano, polo que a contía global para I+D+i ascende a 5,5 millóns de euros, un orzamento que permitirá fortalecer os centros de investigación da universidade, a posta en marcha de novas infraestruturas científicas, obras singulares ou a mellora de equipamento.
Coa Universidade de Vigo asinouse tamén unha addenda de 3,7 millóns de euros que, sumada á contía do acordo firmado previamente, suman 6,4 millóns, unha partida que permitirá reforzar os centros de investigación, impulsar a captación de talento e acometer obras singulares de apoio á investigación.
Sistema de investigación en Galicia
Alfonso Rueda subliñou que Galicia conta cun modelo propio de investigación que o Goberno galego pretende seguir reforzando cun decidido apoio aos centros de investigación e impulsando a carreira investigadora nas universidades galegas, ao que se suma un programa de formación e retención de persoal investigador que se completa cun novo programa de atracción e retención de talento que conta cun orzamento de 5 millóns de euros.
O compromiso co coñecemento pasa tamén pola actualización das infraestruturas e do equipamento ao servizo dos investigadores, cunha inversión de máis de 6 millóns que permitirá redactar o proxecto do novo Centro de Investigación en Industria Intelixente no Campus industrial de Ferrol (UDC), a nova sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC ou a redacción do programa de necesidades, os estudos técnicos e a redacción do proxecto para a nova sede do Centro de Investigación Mariña na ETEA, dependente da Universidade de Vigo.
Estes investimentos, que se encadran no Plan de Infraestruturas Universitarias elaborado pola Xunta coas tres universidades públicas galegas, facilitarán, tal e como recordou o presidente, que Galicia siga sendo unha das principais referencias cando se fala de investigación universitaria en España, “ocupando así o lugar que lle corresponde”, remarcou Rueda.