― Trenor salienta que con esta actuación a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa co desenvolvemento do Plan de reforzos de firme, co obxectivo prioritario de conservar e manter a rede viaria autonómica en boas condicións
― Realizaranse fresados e reposicións do firme con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal nun treito de preto de 2 km
― Reporanse as marcas viarias afectadas pola actuación, todos os cebreados e dotarase de resaltos para mellorar a seguridade viaria
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez, e polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez, supervisou esta mañá o inicio das obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-434, ao seu paso polo concello de Laxe, que suporán un investimento de 202.000 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 2 meses.
A actuación prevé a rehabilitación do firme no treito de preto de 2 km da AC-434 comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 1+920, co fin de mellorar a seguridade e incrementar a comodidade dos usuarios desta vía autonómica.
Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.
Tamén se reporán as marcas viarias do eixo afectadas pola actuación e todos os cebreados e sinalización. Ademais, pintarase o bordo e dotarase de resaltos para mellorar a seguridade viaria.
Trenor destacou que, con esta actuación, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa co desenvolvemento do Plan de reforzos de firme que ten como obxectivo prioritario conservar e manter a rede viaria autonómica en boas condicións, incrementando a seguridade viaria; proporcionando aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida; e potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
O delegado territorial da Xunta na Coruña incidiu en que a Xunta está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas e que a seguridade viaria seguirá sendo unha materia prioritaria para a Xunta vindeiro ano. Detallou así que os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen investimentos por importe de 50 M€ para continuar co Plan de reforzo de firmes, coa conservación ordinaria ou coa Estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes.