Friday 22 de November de 2024

Preto de 1.300 persoas están inscritas nas actividades do Programa Municipal de Inverno


A inscrición permanece aberta en todas as propostas con prazas dispoñibles.

Rotundo éxito de participación no programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno. Apenas quince días despois de iniciarse as primeiras disciplinas xa se contabilizan preto de 1.300 persoas inscritas entre as trinta e unha propostas ofertadas.

O público adulto é o que está a ter maior presencia, xa que entre as dezaseis propostas dirixidas a ese colectivo hai máis de 850 persoas anotadas. Nas quince actividades para o público infantil hai preto da metade de inscritos, en torno a 450 nenos.
Unha vez máis, ximnasia de mantemento é a que presenta un maior número de inscritos cun total de 203. Isto é posible por tratarse dunha actividade dirixida a todos os públicos -apta, tamén, para o colectivo das persoas maiores- e porque o Concello a oferta nas trece parroquias para facilitar a asistencia dos residentes no rural.

Entre as actividades que maior interese espertaron para a poboación larachesa e nas que xa están todas as prazas cubertas atópanse pilates (75 participantes), ioga (54), bailes latinos (26), cociña (20) e pádel (20), todas elas dirixidas ao público adulto. No caso das infantís, a única co cupo completo é pequecociña, con 20 nenos.

Entre os adultos, destaca tamén a alta participación en memoria e alfabetización, zumbea e aérobic, con máis de setenta anotados en cada unha delas, pero aínda con prazas dispoñibles nalgunhas das súas quendas. Tamén permanece aberta a inscrición para teatro, restauración e tapizaría, manualidades e pintura ao óleo, macramé, labores de tecido, informática, encaixe de palillos, danza urbana e arte floral.
No caso das actividades infantís, os rapaces aínda poden anotarse en zumbea, xadrez, voleibol, tiro con arco, teatro, skate, robótica e gaming, patinaxe, pádel, manualidades e debuxo, ioga, informática e fútbol sala.

Cabe lembrar que a cota de inscrición é de 20 euros para toda a duración da actividade, e presenta descontos para maiores de 65 anos de idade, menores de 18, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os seus membros se atopan en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo a partir da segunda actividade.