Friday 22 de November de 2024

O Concello destina 30 millóns de euros a reforzar o Servizo de Axuda a Domicilio durante os próximos tres anos


O novo contrato do SAD distribuirá a cidade en cinco zonas de atención diferenciadas, con vistas a mellorar a coordinación coas 1.200 persoas usuarias, as súas familias e as case 400 persoas coidadoras

A Xunta de Goberno Local aprobou a primeira fase do proxecto para reparar o sistema de climatización da Fundación Luís Seoane. Sairá a licitación no primeiro trimestre do ano 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a licitación do novo Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), un servizo que permite a atención directa á cidadanía en situación de dependencia recoñecida e que conta con 1.200 persoas usuarias no termo municipal.

O novo contrato do Servizo de Axuda a Domicilio contará cun orzamento superior aos 30 millóns de euros con vistas ao trienio 2023-25: 9,3 millóns, correspondentes ao ano 2023; e 10,5 millóns para cada unha das anualidades correspondentes aos anos 2024 e 2025. “É un contrato esencial para reforzar os servizos sociais da cidade, concibido baixo unha premisa fundamental: garantir un servizo máis eficiente ás persoas usuarias e as súas familias, e dar as mellores condicións posibles ás 400 auxiliares que traballan ao seu lado”, subliñou hoxe a alcaldesa, Inés Rey.

A principal novidade do novo Servizo de Axuda a Domicilio é a distribución da cidade en cinco zonas de atención diferenciadas, un formato ideado para reforzar o concepto de proximidade, facilitar as substitucións puntuais e tamén o apoio entre auxiliares ante situacións imprevistas. Neste sentido, abriranse tamén cinco oficinas de coordinación e atención ás familias en cada unha das cinco áreas territoriais, co obxectivo de dar solucións inmediatas e facilitar a comunicación coas persoas usuarias do SAD.

En paralelo, promoverase un SAD sociosanitario para a atención urxente a persoas, con vistas a prestar servizo, por exemplo, ás que veñen de pasar por unha intervención cirúrxica e precisan axuda no fogar.

Ademais, e froito da colaboración entre o Concello, as persoas coidadoras e os sindicatos, o novo contrato contempla a prestación simultánea do servizo por dous auxiliares, nos casos no que a situación da persoa usuaria así o requira, garantindo unha atención adecuada ás súas circunstancias e tamén un alivio da carga de traballo para o coidador ou coidadora.

Este novo contrato tamén inclúe un lote específico destinado a garantir a inspección e control de calidade do Servizo de Axuda a Domicilio, para resolver de forma áxil e eficaz todo tipo de incidencias que puidesen xurdir. “Executamos así unha fonda reestruturación do servizo, que ten como principal fin ofrecer un mellor servizo aos usuarios e usuarias e mellores condicións para as traballadoras”, subliñou Inés Rey.

Sistema de climatización da Fundación Luís Seoane

Por outra banda, o Goberno municipal tamén deu luz verde este mércores á primeira fase do proxecto para a reparación e reposición do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane. Dito proxecto sairá a licitación no primeiro trimestre do vindeiro ano cun orzamento base de 795.000 euros.

O sistema de climatización da Fundación Luís Seoane data do ano 2002, e nesta primeira fase do proxecto acometeranse as intervencións máis urxentes, co obxectivo de arranxar as deficiencias existentes. Substituiranse as bombas de calor existentes, tamén as tubaxes e circuítos hidráulicos, levarase a cabo unha impermeabilización da cuberta e adecuarase todo o sistema de climatización da Fundación Luís Seoane á normativa vixente, garantindo unha mellora integral no acondicionamento térmico do edificio, apostando por facelo máis eficiente en termos enerxéticos.

Desta forma, e baseándose no compromiso asumido polo executivo municipal no último padroado da Fundación, no mes de maio, “este Goberno dá un paso fundamental para protexer a memoria e legado de Luís Seoane na Fundación, onde se conserva o seu arquivo epistolar e documental”, apuntou Inés Rey.